A Deputación organiza un curso gratuíto de formación para 15 redeiras na Mariña

Existe unha importante demanda deste tipo de profesionais tanto nas modalidades de arrastre como de cerco ► O curso permitiralles acceder ao exame para obter o certificado de profesionalidade

Presentación do curso de formación para 15 redeiras. DEPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera Presentación do curso de formación para 15 redeiras. DEPUTACIÓN DE LUGO

Unhas 15 redeiras formaranse grazas a un convenio entre a Deputación de Lugo e a Asociación de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia. Organizaranse tres xornadas divulgativas en Burela, Viveiro e Ribadeo e dúas accións formativas en Burela coas que acceder ao exame de capacitación para obter o certificado de profesionalidade.

O deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, firmou un convenio por valor de 40.000 euros coa presidenta da asociación, Dolores Somoza, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Burela, Alfredo Llano, como anfitrión, e de varios cargos de UGT Galicia. 

Santos Ramos subliñou que "na actualidade no mercado laboral hai unha elevada demanda de redeiras, fan falla máis profesionais que garantan o relevo xeracional, pero non hai xente coa formación precisa para incorporarse a este sector. Por iso, da man da Asociación de Traballadores Autónomos do Mar, poñemos en marcha accións formativas para atender as necesidades destas profesionais, ao mesmo tempo que defendemos os dereitos das redeiras da nosa provincia".

700 REDEIRAS EN GALICIA. As persoas ás que van dirixidas estas dúas accións formativas son mulleres en situación de desemprego ou en precariedade laboral co fin de poder finalizar a súa formación e poder superar con éxito as probas de acceso á titulación profesional do ano 2018.

O colectivo de redeiras de Burela necesita un relevo e poder facer fronte á acumulación de traballo que en moitas ocasións acábase facturando fóra da provincia de Lugo ante a imposibilidade de poder efectuar o traballo por falta de man de obra que poida estar legalmente en disposición de traballar. En Galicia as redeiras representan un colectivo que agrupa a preto de 700 traballadoras, sendo a comunidade que aglutina un maior número de profesionais neste sector. 

Comentarios