Denuncian o "desleixo da Xunta" co patrimonio cultural no norte da provincia de Lugo

Adega e Mariña Patrimonio lamentan que siga sen retirarse do visor de aproveitamentos forestais os "datos errados" da xeolocalización do patrimonio cultural, facéndoa pasar como información fiable
Mina de ouro da Espiñeira. AMA
photo_camera Mina de ouro da Espiñeira. AMA

Adega e Mariña Patriomonio veñen de emitir un comunicado no que precisan que "o pasado 15 de maio" alertaron ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura de que a actualización da información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galicia, "adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización" de xacementos arqueolóxicos por todo o terriorio galego.

Agora, "vinte días despois da denuncia", informan de que a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados, e se vai facer "unha revisión profunda e completa" da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural de Galicia no visor de aproveitamentos forestais.

Pola súa banda, a Consellaría de Medio Rural e a Consellaría de Medio Ambiente responderon a través do Instituto de Estudos do Territorio, na que "non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura", nomeadamente, "na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural".

Adega e Mariña Patrimonio sinalan que "a Xunta é plenamente consciente dos graves erros" e "continúa recomendando o emprego do visor telemático, como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas". 

10 casos destacados no Norte da provincia de Lugo
Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, Adega e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para mostrar "a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación oficial da Xunta de Galicia":

1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento.

2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.

3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha. 

4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.

5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.

6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.

7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.

8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto,  quedan desprotexidas.

9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta  despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.

10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización. 
 

Comentarios