"Dende o miradoiro da Valiña tes unha vista privilexiada do val de Lourenzá"

Lupe Flórez elixe este recuncho laurentino como o seu espazo especial no municipio
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Lupe Flórez, no miradoiro da Valiña, con San Adriano ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

 Ao final do val de San Adriano, en Lourenzá sitúase o miradoiro da Valiña, unha atalaia sobre o val laurentino que é o lugar elixido por Lupe Flórez como o seu recuncho neste concello. "Nacín nesta parroquia e sigo vivindo aquí cando o traballo mo permite, así que para min é un lugar moi especial e ademais ofrece unha imaxe privilexiada do val de Lourenzá, sobre todo na época das fabas cando se ven as extensións cultivadas por todo o val", asegura. 

Pero para Lupe este punto é especial non só pola paisaxe senón tamén pola súa ubicación entre montañas: "É unha superficie chá, pero ao mesmo tempo ten a protección das montañas é dáche unha sensación á que eu lle chamo calor de fogar". E ademais destaca que se atopa, ao igual que o municipio, nun punto estratéxico da comarca, preto da costa, "en segunda liña de praia", e tamén preto de Lugo ou doutras cidades importantes, como A Coruña. "Nun concello coma este tes a paz e a tranquilidade que che da vivir todos os días nun entorno rural, pero con servizos que foron evolucionando e che facilitan a vida", afirma.

 Se ten que elixir unha época do ano para desfrutar do val laurentino, Lupe non o dubida e elixe o outono: "Na primavera coas fabas vedes está bonito, pero no outono cando as plantas empezan a secar e se pode ver o contraste dos verdes co amarelo das vainas que van secando dálle un encanto especial". 

Lupe é unha amante do sendeirismo, de feito é secretaria da asociación Terras de Lourenzá, polo que coñece moitos lugares e paisaxes diferentes, pero pon en valor a riqueza paisaxística de Lourenzá e, por extensión, da comarca. "Movémonos por toda a comunidade e moito por Asturias e tamén fixemos viaxes a León e coñeces sitios moi bonitos dos que desfrutas e valoras, pero iso tamén che serve para darlle máis importancia ao que temos aquí. Somos uns privilexiados de estar nesta zona e moitas veces non lle damos o valor que deberíamos a todo o que temos". 

Comentarios