sábado. 28.03.2020 |
El tiempo
sábado. 28.03.2020
El tiempo

Demetrio Salgueiro: "Imos construír xa a nova nave de obras e ampliar a depuradora de Caínzos"

Demetrio Salgueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Demetrio Salgueiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O verán preséntase cheo de actividade en Xove, onde hai en marcha obras e procesos de contratación e o Concello impulsa tamén programas de conciliación e campamentos para os máis novos

A corporación municipal de Xove celebrou este xoves o pleno de organización do goberno municipal que encabeza o alcalde Demetrio Salgueiro. 

Cales están a ser as primeiras xestións deste mandato? 
Para min foi unha continuidade, non houbo interrupción. O traballo é o que estabamos facendo, con varias obras en proceso de licitación e outras en adxudicación xa definitiva, como a construción da nave de obras ou a ampliación da depuradora de Caínzos. Tamén seguimos atendendo aos viais e preparamos os traballos de limpeza de praias estes días. 

A nave é para almacén municipal? 
Si, vai ser unha nova nave para maquinaria e almacenamento que vai estar pegada ás actuais. Xa se firmou o contrato e están empezando os labores de desmonte. 

E a depuradora de Caínzos, quedábase pequena? 
Si, era necesaria a instalación dun novo módulo porque como está agora quedábase pequena, é unha depuradora que dá cobertura a parte do núcleo de Xove. Igual que na obra anterior tamén foi a concurso público aberto e fixéronse as adxudicacións provisional e definitiva para empezar xa de inmediato. 

Agardamos contratar seis socorristas: tres para a praia de Esteiro, dous para a de Lago e un para a de Portocelo

Como se presenta o verán? 
Con moito traballo xa que estamos cos labores de desbroce de todas as estradas municipais, coa limpeza das praias e coa contratación dos socorristas e peóns. 

Agardan contar cos socorristas suficientes? 
Verase o luns, que son as probas de selección. Chegáronnos ofertas do Inem de 15 persoas e agora a ver os que veñen á selección. Precisamos seis que serían, como todos os anos, tres para a praia de Esteiro, dous para a de Lago e un para a de Portocelo. 

Cantos peóns precisan? 
Unhas cinco ou seis persoas para reforzar o persoal de desbroce de cara ao verán porque nestes meses é necesario acondicionar os camiños, con este tempo que está vindo a maleza medra moito. Sen estas contratacións, aínda en proceso, sería imposible facer todo o traballo que se require no verán e tamén aproveitamos para cubrir vacacións do persoal de obras. 

Que actividades ofrece o Concello no verán? 
Temos o programa de conciliación que xa fixemos nos últimos anos e que contabamos iniciar o 15 de xuño, pero a nova lei de contratos ralentiza as contratacións e estamos agardando a recepción de ofertas para axilizar os prazos e empezar o antes posible. Trátase de que os pais teñan un lugar onde deixar os nenos, que están entretidos con actividades lúdicas e educativas durante todo o verán. Tamén organizamos un campamento de verán que está así mesmo en fase de licitación. No verán en Xove impulsamos bastantes actividades e tamén participamos na organización das festas. 

De que maneira? 
Colaboramos coas asociacións de todas as parroquias, que reciben unha subvención importante de 6.000 euros para organizar as súas festas parroquiais e participamos activamente en todas, tamén na organización de actividades. 

Cales son as principais citas festivas no verán? 
As patronais a finais de agosto, a festa do percebe que vai ser o 20 de xullo ou o festival de Saíñas.

Demetrio Salgueiro: "Imos construír xa a nova nave de obras e...
Comentarios