martes. 07.07.2020 |
El tiempo
martes. 07.07.2020
El tiempo

ANA ERMIDA

"Deixar marchar Alcoa sería unha torpeza"

Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros. JOSÉ M ÁLVEZ
Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros. JOSÉ M ÁLVEZ
A alcaldesa de Barreiros é unha das defensoras da nacionalización da factoría como vía para darlle solución a esta crise 

A crise na factoría de Alcoa contaxia a todos os concellos da comarca e preocupa a todas as administracións locais que ven na marcha da fábrica, a marcha dunha xeración enteira de xente nova e con eles o futuro da zona. Ana Ermida é unha das defensoras da nacionalización da actividade e, máis aló de salvar esta industria, aposta por desenvolver a comarca con proxectos vinculados ao territorio que lle ofrezan outros horizontes nos que medrar.

Como ve a situación de Alcoa neste momento?

As cousas cada vez están máis claras. A empresa non ten intención de seguir e a única solución que resta é que os gobernos actúen con contundencia. Os despidos xa están enriba da mesa, polo que se fai vital axilizar unha solución, que non é outra que unha intervención pública, tal e como piden os traballadores.

Pensa que a intervención pública é unha boa solución?

Quero pensar que si porque todo o mundo ten claro que a empresa non vai facilitar ningunha saída, nin seguir ela ou dar paso a un comprador, porque nada lle serve. A empresa non ten ningún compromiso social nin laboral coa comarca e teñen que telo os gobernos. A produción de aluminio é un sector estratéxico e con moito peso non só na comarca senón en toda a provincia e incluso en Galicia, polo que as administracións teñen que apostar por esta nacionalización porque non hai outra opción e é xuridicamente posible. Para facela posible só é preciso que haxa vontade política e ten que habela.

Un marco enerxético estable e a longo prazo tamén é unha necesidade entre as peticións dos traballadores.

A empresa é viable e podería selo moito máis cun marco enerxético estable e cun plan de investimento a medio prazo. O que non é normal é que coas características especiais de Galicia, que é un gran produtor de enerxía, haxa empresas que din que non son viables polo prezo da enerxía. Isto non se entende por ningún lado. Está claro que a produción de aluminio ten que ser un sector estratéxico para non ter que depender de terceiros países, sobre todo no contexto actual. Sería unha torpeza innegable deixar escapar este sector.

Como interpreta o apoio masivo da sociedade ás reivindicacións dos traballadores?

A xente está concienciada de que máis aló do golpe para os traballadores afectados e das súas familias é un golpe completo para a comarca. Trátase do futuro da nosa comarca, a nivel laboral e a nivel social. Deixar caer a fábrica é deixar caer a comarca e iso a xente sábeo e por iso está tendo esta resposta tan contundente e aínda irá a máis.

A falta de industria estase convertendo nun problema na Mariña?

Si iso pasa é porque este país nunca contou cun plan industrial. Xogamos partidas a unha soa carta e se esa carta cae, cae toda a sociedade. É preciso facer plans de emprego e de industrialización baseados no territorio co desenvolvemento de industrias que poñan en valor a produción de aquí, como a carne, o leite ou o peixe. É básico planificar o futuro en base ao territorio porque así tamén se crea vínculo social, que é moi importante para que permanezan.

Hai suficiente unidade na comarca para desenvolver este tipo de proxectos colectivos?

O lóxico sería que A Mariña se posicionase como un único ente. É algo que a sociedade nos está pedindo aos políticos co berro: ‘A Mariña unida, xamais será vencida’. Pídennnos que teñamos alturas de miras e que loitemos xuntos. É preciso crear un instrumento de peso político e social e, por exemplo, a Mancomunidade podería ser un medio para logralo.

"Deixar marchar Alcoa sería unha torpeza"
Comentarios