David López Mon: "Contar historias da vida é o que máis nos gusta"

O produtor executivo de Kaito Estudios é un burelés de 34 anos que montou ese negocio xunto con Santiago Reimundi e acadaron un premio Mestre Mateo por un anuncio: 'As Estrelas do Camiño. Estrella Galicia'
David López Mon, co premio Mestre Mateo. KAITO
photo_camera David López Mon, co premio Mestre Mateo. KAITO

O realizador de espectáculos e audiovisuais David López Mon traballa para empresas e entidades públicas,e é o cofundador e produtor executivo de Kaito

Esperaban este premio? 
Non, é a segunda vez que estábamos nominados, sempre tes a esperanza do nominado, o premio dá ganas de seguir e tamén é grato o recoñecemento dos compañeiros do audiovisual, que alenta a seguir traballando e facendo as cousas desta maneira. 

Como definiría este traballo? 
É un produto de alto nivel, coa luz e a cámara moi miradas, o son controlado e que permite coñecer a vida dunha persoa. Non iamos con ansia de ganar, pero fíxose con cariño, con mentalidade de facer un produto bo. Debémonos a quen nos contrata, non deixa de ser un oficio e un servizo, pero ten unha parte artística que é moi bonita. 

Que tentaron plasmar? 
É parte dun proxecto máis grande creado pola axencia vasca Aupa!, como homenaxe a tódalas persoas que fan que o Camiño sexa unha experiencia mellor. Ten unha parte de arte urbana, que nace coa inspiración de facer a galería de arte máis grande do mundo, polo Camiño francés do Cebreiro a Santiago. Nós imos un paso máis alá, de Porto a Santiago polo portugués, xunto con Lula Goce e Daniel Eime, que pintaron os murais, aos que nós damos voz con eses microdocumentais, que contan experiencias persoais de resistencia, de non baixar os brazos, estar sempre a tope cunha causa, que é o Camiño. 

Traballar co Camiño é un plus?
Traballar con Estrella Galicia e Aupa!, que son a marca empresarial máis potente da actualidade, e unhas das 50 mellores axencias creativas do Estado xa é un plus,pero se a iso engadimos o feito de contar historias de xente no Camiño, apaga e vámonos, como di miña nai. É un orgullo, é unha honra poder contar historias a través do Camiño. Iso é o que máis nos gusta, contar historias da vida e outras. 

É complexo facerse un oco? 
Kaito é un proxecto novo, do 2018, as dúas persoas que estamos á fronte levamos moitos anos no sector audiovisual. Isto chega a base de traballo. Se consegues a confianza dunha marca como Estrella ou de alguén do sector con relevancia é máis fácil que te visibilicen. 

Ten o sector o recoñecemento que debera? 
Por un lado, traballamos para entidades privadas, e na parte documental temos o lastre dos subvencionados. Se vas aos números, ao que devolve en traballo e PIB, igual tápanse bocas, pois devolve máis do que se subvenciona. Para este proxecto movilizamos dez persoas durante dúas semanas. 

Que máis proxectos teñen? 
Estamos proxectando a estrea de Morabeza, dun documental propio sobre o pobo caboverdiano en Burela, vimos de estrear na TVG Fontán, o primeiro rostro de Galicia, que está xirando polos centros educativos, e imos facer un sobre Del Riego para a TVG. E tamén haberá novidades sobre As Estrelas do Camiño 2023.

Comentarios