Darío García: "A liña de evacuación eólica evitou que ardese máis monte en Galdo"

O secretario da comunidade de montes de Galdo, que tamén traballa nunha empresa eólica, pensa que a liña eléctrica de evacuación que une Riobarba e Magazos impediu que as consecuencias do lume de Galdo e Vieiro fosen peores ao servir de cortalume, ademais de facilitar o acceso dos equipos de extinción ► Cre que doutro xeito o lume podía chegar ata Bravos, en Ourol
Dario Garcia Garcia secretario comunidad de montes de Galdo-ANTIA (6)
photo_camera Darío García García, secretario da comunidade de montes de Galdo na franxa da liña de evacuaciónj éolica. ANTÍA

O viveirés Darío García García, secretario da comunidade de montes de Galdo, foi un dos particulares que colaborou na extinción do lume que o pasado 29 de marzo queimou bosques da parroquia e de Vieiro.

Foi difícil de controlar o lume?
Si, coincidiu un día de moito vento, moi complicado. Cara Galdo ardía despaciño, foi vindo a unha pista onde foi controlado case todo manualmente, despois evitouse que continuase facendo un cortalumes coa maquinaria pesada da Xunta nunha pista forestal.

Que papel xogou a liña de evacuación dos parques eólicos, que ten unha ampla franxa de protección?
Aínda que o lume rebasou a liña nalgúns puntos penso que esta foi vital para poder acceder cos medios á zona, pois chegas máis rápido porque os camiños que van a ela están limpos. Ao estar transitables permiten chegar a ela e serven de refuxo en caso de que o lume avance moito, podes escapar cara ela camiñando ou ir en coche. As motobombas tamén poden evacuar por esa zona, se o terreo o permite, porque ves, algo moi difícil no monte pechado, como estivemos, se nos rodea o lume é veriamonos nun apuro.

Actuou entón de cortalume?
Á parte de actuar de cortalume porque a herba estaba verde ao haber unha zona húmida, facilitou o acceso a coches privados, da Xunta, brigadas forestais, ás motobombas... A maquinaria puido acceder pola franxa da liña, aí os operarios viron un lugar para facer un cordón de seguridade, senón habería que traballar dende pistas e esperar a que chegase a elas, polo que ardería máis monte. As motobombas traballaron dende aí, íase apagando o lume polo monte coas súas mangueiras, outras abastecíanas de auga cando se lles acababa.

Polo que di axudou a protexer parte do monte.
Foi esencial nalgún punto para evitar que o lume virase e ardese polo menos ata Bravos. Co vento que facía sería moi difícil de controlar, se pasase á Silvarosa sería moi difícil, porque meteriamonos na noite. Esta zona xa ardeu no sentido inverso hai 35 anos, todo o coto de Bravos. Tamén era un día de moita calor e vento, eu era pequeño, recordo aquel lume, controlarase cerca de onde chegou este agora.

Aínda así o lume a atravesou a franxa da liña nalgúns puntos.
Esta é unha liña eléctrica aérea que vén dende parque eólico de Riobarba á subestación de Magazos, de Viesgo. Houbo moitos puntos nos que pasou, atravesouna, era tanto o vento que facía, pero polo solo da franxa, que ten 50 metros de ancho, ía lento, porque está limpa. O vento empuxaba cara Vieiro, era tanta a altura da chama que na parte alta do monte queimou os eucaliptos ata as puntas.

Foi esencial nalgún punto para evitar que o lume virase e ardese polo menos ata Bravos"

Falta limpeza nos montes?
É unha cousa complexa en Galicia, onde as propiedades son pequenas e complicadas de traballar con maquinaria, hai montes do lado de Galdo moi longos e estreitos, son moitas parcelas, difíciles de limpar cunha máquina e algunhas tampouco son moi produtivas. Son montes pedreguentos, nin compensa o gasto para a producción que ten o monte.

Ao mellor habería que unirse...
Moitos propietarios migraron e quedaron abandonados, son de dono descoñecido. Ante a dificultade de localizalos ou que os herdeiros nin saben do monte, a prevención ten que facerse en camiños, creando cortalumes nas zonas onde pode haber risco de incendios para paralos nalgún punto. Por iso hai que limpar os camiños, que son públicos; aí a comunidade de montes colabora co Concello, ou cos nosos recursos contratamos o desbroce dalgunha pista que sexa moi transitada en caso de ser necesario. De feito, no monte Castelo temos as marxes cortadas a catro metros e facemos unha xestión do monte coa venda da madeira, dentro do que podemos para telos limpos.

Hai sitios nos que non se respectan as distancias.
A comunidade recibe moitas consultas, se alguén ten dúbidas pode preguntar, aínda que nós non temos potestade para mandar limpar, polo que indicámoslles que pasen un escrito ao Concello, que é o que ten esa competencia. Nas pistas e camiños soen ser catro metros dende a cuneta ou beira os que hai que ter cortados e limpos, outra cousa son as distancias ás vivendas e aos núcleos rurais. Hai que cumprir a Lei de montes, ninguén debería ter que avisar.

Falta concienciación?
Aí teñen facer unha labor máis intensiva tódolos organismos. Constame que os axentes forestais avisan moitas veces que se está incumprindo a limpeza ou das prantacións cerca estradas. Por sorte, estanse respectando cerca das vivendas, pero ata que pasa o lume cerca das casas non nos damos conta do perigo que existe. Hai unha labor importante de concienciación que facer.

Tamén se atribúe parte da culpa a tanta plantación de eucaplipto.
Non estou a favor nin en contra, na comunidade temos a metade das 400 hectáreas de pino, pero se o temos mal xestionado vai dar igual que especie sexa, arde igual. A semana pasada a Policía Nacional pediume que a acompañase por un aviso na zona do incendio, había montóns de leña e volvíase reproducir, tivo que vir a motobomba con auga apagalo. Non había risco de que saltase porque estaba dentro dunha zona xa queimada. Nestas pendentes é difícil xestionar a biomasa, a maquinaria ten que traballar desde pistas e camiños.

Parece que habería que ordenar doutro xeito o monte?
O ideal sería facer concentracións parcelarias, sería moi bon. Galdo nos anos 1970 ía ser pioneira en facela, pero despois non se levou a cabo. Os propios veciños xa iniciaran os trámites falando con donos, cuns medios básicos, sin GPS nin cartografía como hai hoxe. Estes montes que arderon agora foron produtivos, eran parcelas que traballaban os nosos avós.

Agora tamén hai menos animais.
Iso tamén axudaría a combatir os incendio. A nosa zona foi de cabalos salvaxes que comían toxo e esa maleza que ía saíndo, pero a día de hoxe nin con eses medios sería fácil. De feito, os montes que arderon hai 35 anos, a moitos non se lles volveron tocar dende aquela, abandonáronos e hoxe os donos son descoñecidos.

Comentarios