Daniel Vega: "Ribadeo sempre foi importante para o PP, ten un gran poder simbólico"

O alcalde electo de Ribadeo polo PP asegura que xa tiña datos que lle indicaban que podía sacar maioría absoluta e agora promete moito traballo, poñerse con cuestións fundamentais e di que rematará "cos enfrontamentos continuos"
Daniel Vega, fronte ó Pazo de Ibáñez. J.M. PALEO
photo_camera Daniel Vega, fronte ó Pazo de Ibáñez. J.M. PALEO

Di Daniel Vega que os datos da votación do domingo lle sorprenderon polo volume de votos acadado (2.623 votos) para o seu partido pero non por acadar unha maioría absoluta "que xa nos daba nos datos que viñamos manexando, aínda que sempre tes dúbidas, claro". Tamén di que "xa ía sendo tempo"de que o PP gobernase en Ribadeo: Pasaron vinte anos. Houbo xente que non coñeceu outro alcalde que Fernando Suárez", e el agora aposta por dúas cousas: "Moito traballo e un cambio de estilo porque non podemos estar en enfrontamentos constantes con outras administracións como ata o de agora".

Como vivíu unha noite electoral tan emocionante?
Eu diría que xa agardabamos un bo resultado porque contabamos cunha valoración veciñal positiva do traballo feito durante estes catro anos. Hai que ter en conta que traballamos en dúas liñas de oposición: a habitual e en facer xestión para atraer inversións para Ribadeo, e penso que iso a xente viuno. Pero aparte diso, xa tiñamos datos que nos indicaban que estabamos na maioría absoluta. Nada máis empezar saíannos enquisas que nos garantían seis concelleiros e iso facía que dependese de nós a maioría absoluta.

E iso non lle meteu aínda máis presión?
Bueno... Nós traballamos moito así que tiñamos a conciencia tranquila. Nese sentido quero agradecer o respaldo que nos brindou o pobo de Ribadeo. Foi moi importante para nós e para o PP, porque hai que pensar que facía 20 anos que o meu partido non estaba en disposición de gobernar, e iso fala de que hai un bo equipo e un bo proxecto, porque os equipos e os proxectos teñen que ir da man.

Percibía vostede que para o PP era particularmente importante acadar a alcaldía de Ribadeo
Pois si. O PP sempre entendeu que Ribadeo é unha praza fundamental a nivel provincial pero tamén autonómico. É un punto de entrada a Galicia e a realidade é que ten un poder simbólico importante. É un concello en alza e por iso penso que a nosa chegada ó goberno vai ser bo para relanzalo.

Isto que di, reflectíuse por exemplo nalgunha felicitación particular, por exemplo de Alfonso Rueda?
Si, si. Felicitoume esa mesma noite. E Alberto Núñez Feijóo tamén. Penso que iso quere dicir algo. Que estean pendentes de quen gaña a alcaldía de Ribadeo ten importancia. A Xunta de Galicia, desde logo, entende que Ribadeo é un polo importante e como tal non podemos vivir nista confrontación permanente na que estabamos. Unha confrontación, por certo, construida sobre a base dunha mentira que ó final acabou por saír á luz a verdade.

Xa pensou no goberno? Por exemplo: herda cuestións importantes como o tema da concesión da auga ou o Plan das Catedrais.
Si, claro. O tema da auga é evidente que hai que afrontalo. Estudiarémolo a fondo. Hai un tempo de seis meses que nos vai vir ben para escoitar ás partes, pero hai que resolvelo, si. Co Plan das Catedrais tamén hai que tomar decisións, por suposto, porque a realidade é que a día de hoxe non se sabe nada concreto. E iso, con algo tan importante como esa praia, non pode ser. Ten que ser un punto especial de atención que debe revertir no turismo de Ribadeo.

Eses son grandes proxectos. Ten xa outros máis a curto prazo?
Evidentemente, o primeiro co que nos imos poñer é coa xestión do día a día. Iso é algo que xa temos pensado.

Por exemplo?
Por por exemplo, Ribadeo necesita ter un plan de residuos. Xa o tivo en tempos e é moi necesario, algo moi importante. Temos que ser quen de volver ser referente para as empresas e de millorar o estado de moitas rúas, xardíns, hai que meterse a fondo co parque de San Francisco, co mantemento de estradas... Hai que tomar decisións. 

Tamén Leva falado moito das parroquias.
É que lles fai falla tamén moita atención, no desbroce de pistas, en meterse con obras importantes e mellorar a programación cultural que se fai nelas.

Están en marcha dúas obras trascendentais: a rehabilitación do hospital asilo e o centro de saúde. Como as afronta?
Temos que acelerar as dúas todo o posible e niso nos poñeremos nada máis chegar.

Non pode seguir como parlamentario autonómico...
Non, é incompatible. Deixareino coa toma de posesión.

Que lle están a dicir os veciños que atopa pola rúa?
Pois que noraboa, repítenme moito que o mereciamos porque traballamos moito. É algo curioso, porque antes me dicían "Desta vai", e agora estanme dicir que "Xa o mereciades". Así que agora tócanos a nós corresponderlles.

Comentarios