martes. 17.05.2022 |
El tiempo
martes. 17.05.2022
El tiempo

Daniel Castro: "As siglas do BNG deixaron de asustar grazas a Pontón"

Daniel Castro (Ribadeo, BNG). AEP
Daniel Castro (Ribadeo, BNG). AEP
O ribadense Daniel Castro ten 24 anos e fáltalle un curso para rematar a súa segunda carreira universitaria. Sabe que lle levará máis tempo do previsto porque vai ser o membro máis novo da historia do Parlamento galego. Entra polo BNG

O membro máis novo do Parlamento galego vai ser o ribadense Daniel Castro. Ten 24 anos e era o número dous do Bloque Nacionalista Galego pola provincia de Lugo. Será, ademais, o máis novo de cantos entraron ata o de agora no Hórreo. Sabe que lle vai cambiar a vida, pero nin se propón deixar os estudos. E xa avanza que o seu partido vai dar guerra estes vindeiros catro anos.

Que lle sorprendeu máis, que o PP mesmo mellorase uns resultados xa de por si excelentes ou a tremenda subida do seu partido?
Pois sorprendeume máis que chegásemos nós a 19 deputados, a verdade. Sabía que había un traballo de fondo importante feito a destro e sinistro e que contabamos cun apoio social moi mellorado e sobre todo entre a mocidade, pero non calculei que daría para chegar aos 19. Non me sorprendeu tanto o do PP porque ao final sei que é un partido que está moi asentado no estrato da nosa sociedade e é tremendamente complicado movelo de aí.

Acaban de ser as eleccións pero cuns resultados como os que acadaron custa non preguntar se ve ao BNG en disposición de asaltar a Xunta.
Non se sabe que pode pasar dentro de catro anos, é moi difícil facer ningunha previsión. Mira por exemplo o que pasou nestes últimos catro nos que se volatilizou todo o das Mareas e volveuse a un escenario anterior ao ano 2005. Pero aínda así, eu estou convencido de que si, que estaremos nesa disposición de desputar o goberno da Xunta porque o imos demostrar durante os vindeiros catro anos. Imos ser a auténtica oposición. Xa o fomos os anteriores con só seis deputados, así que agora con 19 isto será un Ana Pontón contra Núñez Feijóo constante. Pero poderemos incrementar uns resultados xa bos de por si e para facelo será chave o traballo que fagamos a partir de agora. Si, imos estar dispostos.

Como analiza vostede a subida do seu partido?
Houbo varios factores. Un moi claro foi a desaparición total das Mareas. Pero aproveitar a súa desaparición só se podía facer grazas ao traballo anterior, que foi intensísimo e recoñecido. A mocidade penso que o valorou moito. E logo está, por suposto, a figura de Ana Pontón, que se converteu nun factor absolutamente chave. Foi unha cara amable. Foi quen de conseguir que as siglas do BNG non asustasen sen que por iso se perdese o discurso do partido. Conseguiu que non se dubidase da ideoloxía do Bloque sen que iso asustase, algo que anteriormente non sempre se conseguiu. Moita xente nova viu que nós eramos o seu referente. Así que bo traballo, xestión, liderado e aproveitar os erros de desunións alleas.

Onde situaría o traballo que está a facer o BNG a nivel municipal?
Esa é outra cuestión básica que hai que ter en conta porque agora mesmo é imposible pensar en ter uns resultados como os que tivemos sen o exemplo que ofrece o BNG nos concellos nos que goberna. Vese claramente o traballo que se fixo para cambiar Ribadeo, como se pode facer unha acción de goberno determinante en Muras ou o cambio enorme que está a facer Ana Ermida en Barreiros malia todos os problemas cos que se atopou ao chegar. É algo como ‘aquí se ven os resultados de votar ao BNG’. Sen eles non se refrendarían os votos ao Bloque como se refrendaron o domingo.

E agora que ten pensado facer? Porque supoño que xa será consciente de que lle vai cambiar a vida.
Pois si, sei que me vai cambiar a vida aínda que polo de agora non me fago á idea de a que nivel. Aínda non aterrei de todo. Ata que me vexa no Parlamento penso que non me darei conta do que supón. Xa no seu momento me custou asimilar que ía ocupando un posto nas listas no que se vía que era moi probable que me ía cambiar a vida. De tódolos xeitos, non deixarei os estudos. Quédame un ano da miña segunda carreira. Non sei como o quitarei, pero quitareino. Iso seguro.

Sabe xa cal será o seu traballo?
Non, aínda non. O sábado hai consello nacional e alí empezaremos a falar diso.

Daniel Castro: "As siglas do BNG deixaron de asustar grazas a Pontón"
Comentarios