Tomasa e Revoltosa son os nomes das dúas tartarugas de Daniel Cabana Lozano, un veciño de Celeiro de Mariñaos (Barreiros), que fíxose con elas ao cederllas o fillo dun tío da súa nai porque non tiña tempo para atendelas e dende hai máis de dez anos ocúpase Dani do seu coidado e amósase satisfeito coa experiencia. Foran un agasallo para un dos netos do tío, que foi quen lles puxo nome, segundo conta
Explica que unha é meirande ca outra. "A de maior tamaño terá uns 30 centímetros, Tomasa, e a outra quedou máis pequena, Revoltosa, que é máis inqueda". Son dous exemplares da coñecida como galápago ou tartaruga de Florida, especie que se diferencia polas súas orellas vermellas e as raias amarelas polo corpo e as extremidades entre a súa cor averdosada. Está considerada exótica e invasora.
Daniel Cabana recoñece que se non fosen un agasallo posiblemente non as tería, posto que na casa ten outros animais que atender: galiñas, coellos e unha ovella, ademais de dous cans e varios gatos. "Aténdolles a todos, o que leva o seu tempo". As tartatugas son as que menos traballo lle dan e di que calquera persoa pode coidalas, aínda que "hai que estar pendente delas. Son fáciles de coidar para alguén que non tivese antes animais", comenta Daniel.
"Téñolles preparado un terrario fóra, unha bañeira con auga, pedras e un tronco para que suban a él. De inverno métoas nunha caixa con auga e gárdoas na casa, senón non aguantarían porque a auga conxélase coas xeadas". Dani explica que comen "anacos de carne, caracois do campo que lles machaco e doullelos, e tamén gambas que compro nas tendas. Non saen do terrario e están ben adaptadas", considera.
O celeirés engade que "hai que lavalas cada pouco porque a auga ponse verde, xa que defecan e comen alí; ao quedar restos hai que estar limpando cada pouco, cada segundo día ou antes se está moi sucio". As tartarugas non se moven moito, só baixan á auga para comer cando teñen fame.
O dono das tartarugas sinala que non xoga con eles, pois pensa que poden coller un belisco ou morder, algo que só fan cando se sinten ameazadas. O máis habitual é que escondan a cabeza e se refuxen baixo o seu caparazón. Daniel pensa que a él coñéceno ao coidalas. Indica que "cos animais que teño agora xa teño abondo traballo para coidalos, e tamén labro na horta". Por iso descarta ter máis polo momento.