"Os cunqueirianos somos unha seita, para nós é como unha relixión"

A ensaísta, profesora universitaria e investigadora viguesa Rexina Rodríguez Vega será distinguida Cunqueiriana de Honra de 2021. Nas últimas tres décadas destacouse entre as principais estudiosas da obra de Álvaro Cunqueiro, do que se cumpren 40 anos da súa morte
A ensaísta viguesa Rexina Rodríguez Vega. EP
photo_camera A ensaísta viguesa Rexina Rodríguez Vega. EP

ESCRITOR A, profesora da Universidade de Vigo e investigadora da literatura galega Rexina Rodríguez Vega (Vigo, 1966) foi distinguida Cunqueiriana de Honra de 2021, unha distinción que lle outorgou a comisión designada polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro. Forman parte dela César Cunqueiro, fillo do escritor; Antonio Reigosa, cronista de Mondoñedo, ou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega e Cunqueiriano de Honra o pasado ano. A distinción seralle entregada o 28 de febreiro, xusto o día no que se conmemorará o 40 aniversario do falecemento do xenial autor mindoniense. Vega tense destacado nas últimas tres décadas como unha auténtica especialista na obra e vida de Cunqueiro, sobre quen escribiu unha guía de lectura, unha monografía, un volume de ensaios, un libro audiofotobiográfico e defendeu no 2000 unha tese de doutoramento na Universidad Autónoma de Barcelona.

Que supón para vostede a distinción de Cunqueiriana de Honra?

Supón unha ledicia moi grande. Estou moi contenta polo recoñecemento ao traballo feito, pero o mellor premio é colaborar coa vixencia do legado cunqueiriano e conseguir que Cunqueiro siga a estar na actualidade das nosas vidas como país. Os cunqueirianos somos como unha seita. Temos esa relixión e, nese sentido, máis que o ego do investigador, o importante é a idea de intentar divulgar e manter acesa a chama cunqueiriana.

Leva 30 anos estudando a Cunqueiro. Queda moito por descubrir aínda sobre a súa persoa e obra?

Si, porque os clásicos son aqueles que nunca acaban de dicir o que realmente queren dicir e Cunqueiro é un deles. Cada vez que te achegas a el, por máis que leves décadas estudándoo e léndoo, sempre descobres cousas novas. Aínda hai moito Cunqueiro que non está catalogado. Por exemplo, hai moitísimos artigos en prensa que quedaron esquecidos e son seguramente pezas de primeira calidade. Queda moito Cunqueiro en prensa que hai que reler e poñer en valor, porque penso que hai moitas traducións que fixo inventadas. El era un tradutor omnívoro, como as súas lecturas, e fixo unha inxente tradución de escritores nos que moita parte probablemente sexan produto da súa imaxinación. Queda moito Cunqueiro por peneirar e por fixar.

"Esta distinción é unha ledicia moi grande, pero o que máis me enche é colaborar coa vixencia do legado de Cunqueiro"

Que é o que máis lle ten chamado a atención da súa figura?

Cunqueiro non é en absoluto o que parece. Sempre tivo dificultades de interlocución cos seus contemporáneos. De feito, a imaxe que queda del no momento no que está na forza creativa, nos anos 60 e 70, é a dun marciano. Daquela facíase literatura comprometida, de denuncia social e cun enfoque, sobre todo, marxista, pero Cunqueiro estaba á marxe de todo iso. O que quedou fixado foi unha imaxe relacionada co mito artúrico, co Merlín. É unha visión anecdótica, moi menor, do que significa Cunqueiro. El foi un vangardista, un experimentador que buscou mecanismos de representación e romper os límites entre a realidade e a ficción a través da palabra. É un dos grades experimentadores e de aí que teña sentido relacionalo con grandes como Borges ou Calvino. Dentro dun Estado pouco dado á reflexión metaliteraria, el foino e por iso as imaxes que se vinculan a el son simplificadas. Nese sentido era moi francés para a tradición hispánica.

O seu legado ten moitas aristas.

Si, sen dúbida. Unha das cousas máis importantes do seu legado é o feito de ser un escritor binacional, o que supuxo unha certa malversación dos seus fondos. Desde Galicia obviouse un pouco a literatura que fixo en castelán e desde Castela fíxose o mesmo coa galega. Fai falta unha visión máis integradora, que nos axude a ver a Cunqueiro como un enorme macrotexto. Todo o que saíu da pluma de Cunqueiro vai na mesma liña e forma parte do mesmo legado, da mesma poética, estea escrito no idioma que estea escrito.

Estou aberta a todos os fanatismos con el e nótase nas miñas novelas a súa influencia

A ESCRITORA viguesa corrobora que sente unha paixón especial por Álvaro Cunqueiro.

Sobre o autor mindoniense fixo de todo, ata unha audiofotobiografía. Quédalle algo no tinteiro?

Estou aberta a todos os fanatismos con Cunqueiro (ri). Cando promociono as miñas novelas incido na influencia cunqueiriana e nas catro que teño publicadas hai citas del. Inspírame a todos os niveis.

O recoñecemento é maior tendo en conta quen forma o xurado?

Si, porque é dun nivel altísimo. É xente que coñece moi ben a Cunqueiro e síntome moi honrada.

Unha pena que este ano ao mellor non se poida facer a entrega en persoa nin a ofrenda floral.

Estamos deixando de facer moitas cousas e afacéndonos a participar en simulacros. Desde Mondoñedo dinme que, se mellora a cifra de contaxios, van facer o posible porque se poida levar a cabo en persoa. O importante é que a cultura siga funcionando e permaneza.

Más en A Mariña
Comentarios