A Cunqueiriana de Honra loa no seu cabodano a un escritor "que non se parece a ninguén"

Rexina Rodríguez destacou nos actos polos corenta anos do pasamento do autor mindoniense que a súa obra ten que ser considerada coma un todo, e nunca dividida entre a que escribiu en galego e a que escribiu en castelán
nombramiento de rexina vega como cunqueiriana de honor en mondoñedo-jm alvez
photo_camera nombramiento de rexina vega como cunqueiriana de honor en mondoñedo-jm alvez

A cidade de Mondoñedo vestiuse coas mellores galas para festexar unha cita importante: o corenta aniversario do pasamento do seu escritor máis senlleiro, Álvaro Cunqueiro. Como vén sendo habitual desde hai unos anos, esta cita faise cadrar co nomeamento do chamado Cunqueiriano de Honra, unha figura que por vez primeira recaeu nunha muller, a escritora Rexina Rodríguez Vega. A súa intervención cando recibiu este recoñecemento de mans do alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, non foi só unha exposición máis, foi toda unha declaración de amor á obra de Cunqueiro trufada de reflexións sobre o seu traballo.

Ademais de destacar que Cunqueiro "non se parece a ninguén", aínda que noutro momento si o chegou a emparentar a nivel de referencias culturais nada menos que con Borges, Rexina Rodríguez parouse especialmente nun dos temas máis acaídos cando se fala de Cunqueiro: a súa escrita en galego e a súa escrita en castelán. Mais ela negou a maior. Baixo o seu punto de vista a obra do autor mindoniense ten que ser entendida coma un todo e definiuno coma "un escritor peninsular, multilingüista e de boa lei".

E desde logo rexeitou de plano a figura del como a dun autor vencellado á literatura de tradición artúrica herdada da fama que lle reportou Merlín e familia. Nesto, mesmo comentou que é un estereotipo que se está a repetir porque ata se prolonga nos libros de texto. Aínda así, avogou porque se continúe facilitando a lectura de Cunqueiro porque considera que é un xeito de que siga vivo na memoria colectiva e non pase a ser só un autor máis nos anaqueis da historia da literatura.

Lembrou tamén a Cunqueiriana de Honra cando se criticou ao auténtico protagonista da xornada polo tipo de literatura que facía na súa época. Entende que era un incomprendido e citouno a el mesmo, cando comentou que "yo sí me ocupo del hombre, aunque solo sea de sus sueños".

Antes dela falou o coordinador de actividades da casa museo Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, para repasar a figura de Rodríguez Vega e facer fincapé na súa erudición e despois o concelleiro de cultura, Alberto García.

Antes, fíxose a ofrenda floral na súa tumba no cemiterio vello e colocouse unha rosa na de Leiras Pulpeiro.

Comentarios