O cronista de Ribadeo recolle a historia da muralla

Eduardo Gutiérrez xuntou nesta obra varios dos seus artigos e traballa xa nun novo libro

Graña, Suárez e Gutiérrez, na presentación. AMA
photo_camera Graña, Suárez e Gutiérrez, na presentación. AMA

RIBADEO. O Concello ribadense, rexido polo alcalde nacionalista Fernando Suárez, presentou o sábado o novo libro que compila os artigos do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, titulado A muralla de Ribadeo e outras historias. Precisamente é a primeira vez que se lle dedica un estudo específico á cerca medieval, que data de 1.183 segundo un texto de Henrique Flórez. O autor lembrou que quedou pendente unha prospección arqueolóxica neste lugar.

A obra tamén fala do escudo de Ribadeo - "a cidade alemana de Bremen tamén ten unha chave no seu blasón", precisou Gutiérrez-, e aporta datos inéditos sobre Vicente Álvarez Miranda e unha "curiosa liorta da década ominosa". Ocupa un lugar especial no libro Ramón Pasarón y Lastra, que foi deputado pola localidade de 1850 a 1852 e pola provincia de Lugo en 1854. O cronista lembra á filántropa Corona González, ao nacionalista Lino Pérez e afonda nos devanceiros ribadenses do pintor Francis Picabia, así coma no naufraxio do bote de salvamento Fernando Villamil. O autor avanza asemade nunha semblanza de Fernando Miranda e Olmedilla, en torno á época do liberalismo.

Gutiérrez agradecéulle a publicación nomeadamente ao alcalde, pero tamén a Xosé Anxo Fernández polo deseño da portada e ao edil de cultura, Farruco Graña, polo seu impulso. Graña ve aos artigos "como referente dun período cheo de afouteza para emprender a chama da normalización do uso do galego en todos os ámbitos".

Comentarios