Crean un mapa da Mariña con 'emojis' de cada vila

Os símbolos fan referencia a algunha actividade, produto ou lugar destacados de cada localidade
Mapa de emojis da Mariña. EP
photo_camera Mapa de emojis da Mariña. EP

A conta de Twitter Así falamos na Mariña vén de crear un particular mapa da comarca na que cada vila está identificada cun emoticono. Os símbolos fan referencia a algunha actividade, produto ou lugar destacados de cada localidade e polos que teñen sona máis aló das fronteiras da comarca. Ou sinxelamente fan referencia ao propio nome do concello.

Este último é o caso de Cervo e o de Trabada, localidade identificada cun "dente (que traba)".

Para Alfoz, Xove e Foz optouse por edificacións representativas de cada vila, como son a torre de Pardo de Cela, a fábrica de Alcoa e as míticas Torres da localidade focega.

No capítulo dos produtos típicos atópanse O Valadouro coas zocas; Riotorto e A Pontenova coas navallas; e Lourenzá coas fabas. Ao non existir 'emoji' deste legume, a conta optou polo "peido", consecuencia da súa inxesta.

No mapa tamén hai lugar para festas (as San Lucas en Mondoñedo, identificada co seu protagonista, o cabalo) e festivais coma o Resurrection de Viveiro.

De Ourol esta conta destaca o campionato de loita de brazos, mentres que a Barreiros vencéllao co turismo e "os veraneantes".

Finalmente, O Vicedo vén identificado cun ben traído Fuciño de Porco e Ribadeo coa chave que inclúe o seu escudo. E para os 'pataqueiros' de Burela, un emoji deste prezado tubérculo.

En calquera caso, co obxectivo de aclarar calquera dúbida que puidera xurdir, o mapa vai acompañado dunha lenda explicativa.

 

Comentarios