A Cova do Rei Cintolo recibe o certificado de destino turístico científico

Para chegar a conseguir este selo de calidade, a caverna foi sometida a unha auditoría, que consiste nunha avaliación e estudo da zona, na que se teñen en conta valores obxectivos como as diferenzas naturais de cada territorio

Visita guiada, en Rei Cintolo. JOSÉ Mª ALVEZ
photo_camera Visita guiada na cova. JOSÉ Mª ALVEZ

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, presidiu este martes o acto protocolario de entrega do certificado Observer á Cova do Rei Cintolo, un selo internacional que acredita á cavidade como un destino de turismo científico.

No acto de entrega dese diploma participaron, ademais da alcaldesa, a directora de Observer ScienceTourism, Marta Vence, e un representante da Federación Galega de Espeleoloxía e espeleólogo auditor de Observer, Marcos Vaqueiro.

A rexedora local precisou que a consecución deste selo é "un paso máis" para seguir pondo en valor e divulgando a Cova do Rei Cintolo, unha peza fundamental dentro do patrimonio natural do Concello de Mondoñedo.

"Trátase dun selo internacional co que se dá un paso máis na posta en valor dese patrimonio natural", engadiu, dado que "as experiencias desenvolvidas" permítenlle ao turista "achegarse ao territorio desde a perspectiva dun observador científico".

Así, ademais de "visitar paraxes de gran beleza", quen se achegue a esta paraxe tamén aprenderá a "entender, de forma sinxela e sen esforzo, moito máis sobre o funcionamento da natureza" e todo "desde un punto de vista sustentable e rigoroso, que establece como base a conservación".

Para chegar a conseguir este selo de calidade, a Cova do Rei Cintolo foi sometida a unha auditoría, que consiste nunha avaliación e estudo da zona, na que se teñen en conta valores obxectivos como as diferenzas naturais de cada territorio.

Ademais, tamén serve para ofrecer un enfoque cuantitativo para entender e xestionar os impactos derivados da implementación do turismo científico.

O informe emitido polo auditor foi revisado polo Comité Observer, formado por expertos independentes.

A Cova do Rei Cintolo é a caverna calcárea máis grande de Galicia, cun desenvolvemento de 6.500 metros de lonxitude, dos cales máis da metade están topografiados. 

Comentarios