martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

A corporación de Foz terá 17 edís ao subir dos 10.000 habitantes

Vista de Foz. EP
Vista de Foz. EP

Os 16 concellos da comarca suman 72.441 veciños, 318 menos que en 2017. Tamén gaña poboación Burela e pérdena Viveiro e Ribadeo

O Instituto Nacional de Estadística (INE) fixo públicas este mércores as cifras oficiais de poboación do ano 2018, en que os dezaseis municipios da comarca suman 72.441 habitantes, 318 menos que en 2017 cando eran 72.759. Foz é o concello que máis medra, con 71 censados máis, o que fai que supere a barreira dos dez mil con 10.002, cando o ano anterior tiña 9.931. Isto supón que nas vindeiras eleccións municipais a súa corporación pasará a estar formada por 17 edís, catro máis que na actualidade.

O alcalde de Foz, Javier Castiñeira, estima que esa suba de concelleiros facilitará por unha banda acadar o primeiro concelleiro para todas as forzas, pero tamén axudará a acadar o último ás que teñan máis votos polo efecto da Lei D"Hondt.

Ademais de en Foz o número de habitantes sobe noutros catro municipios, de forma destacada en Burela, onde os seus 9.566 habitantes supoñen 42 máis que en 2017. Tamén hai catro máis censados en Trabada que queda con 1.121; Ourol, dous máis, pois sobe a 1.018, e O Valadouro, tamén con dous censados máis e chega a 2.004.

O municipio máis poboado da comarca continúa sendo Viveiro con 15.510 habitantes oficiais, aínda que son 40 menos que o ano anterior, cando eran 15.550. Ségueo en número total de habitantes Foz e despois Ribadeo, que ao igual que Viveiro perde veciños, en concreto 62 ao pasar de 9.962 a 9.900, co que voltará a ter 13 edís.

O Concello que máis poboación perde é Mondoñedo, con 83 persoas menos ao baixar nas estatísticas de 3.722 a 3.639. Cervo e A Pontenova perden 47 veciños cada un e quedan con 4.227 e 2.283, respectivamente; Lourenzá, que ten 2.181 veciños, perdeu 43 con respecto a 2017; Riotorto resta 33 e fica con 1.255, en Alfoz son 25 menos, 1.757; Xove ten 3.314, 28 menos; O Vicedo resta 24 e queda con 1.723, e en Barreiros son 2.941, 7 menos que en 2017.

A corporación de Foz terá 17 edís ao subir dos 10.000 habitantes
Comentarios