"Na corpoación respírase unha harmonía excelente e iso é algo que me agrada"

O concelleiro de medio ambiente e turismo de Foz, José Antonio Hermida Fernández, foi o último en entrar a formar parte do equipo de goberno o pasado mes de novembro e ve a política como un xeito de servir a todos os veciños

antonio
photo_camera José Antonio Hermida no exterior do consistorio de Foz. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Foi o último dos cinco concelleiros en entrar a formar parte do equipo de goberno de Foz. José Antonio Hermida Fernández (Alaxe, O Valadouro, 1956) tomou posesión do seu cargo o pasado mes de novembro trala renuncia á súa acta de María Teresa López Rego e fíxose cargo das áreas de medio ambiente e turismo, coas que se sente cómodo e dende as que quere traballar polo ben dos veciños.

Esperaba chegar a formar parte do equipo de goberno estando na lista de número oito?
Fun de número oito porque quixen ir nese número, xa que daquela estaba traballando e quería dedicarme ao meu traballo. Pero agora as cousas son diferentes porque estou prexubilado.

Xa fora nalgunha outra lista?
Si, fora nunha lista de Coalición Canaria pero debe facer uns 27 anos. Neste tempo tiven propostas cada catro anos dos diferentes partidos.

Que o levou a aceptar a proposta do PP nas últimas eleccións?
Déronse unhas circunstancias que me fixeron aceptar. Primeiro que creo que este equipo de goberno o fixo ben e nunha situación delicada, e despois teño relación co alcalde dende fai moitos anos porque xogou no Foz e eu levo 25 anos formando parte das directivas do club. Ademais, o meu fillo empezou de crío xogando con el e con Ánxel Paleo (concelleiro de cultura) e con Pedro Fernández Manín (concelleiro de medio rural) somos amigos dende pícaros.

Como foi o momento no que o rexedor lle comunicou que podía entrar no goberno?
Pedro xa mo levaba advertindo uns días, pero un día chamoume Javier para que viñera falar con el e díxomo. Eu constesteille que o tiña que pensar e falalo coa miña muller, porque ela nun principio non quería que fora concelleiro porque non lle gusta. Xa levo 25 anos na directiva do Foz e tamén estiven oito anos na asociación de veciños de Fazouro, como presidente e como vocal. E tamén fun vicepresidente do Consello Pastoral Parroquial.

"Unha das cousas polas que aceptei entrar en política foi pola boa relación co alcalde e pola amizade que me une ao concelleiro de medio rural"

Traballar no mundo asociativo é duro, pero tamén debe ser satisfactorio.
Moi satisfactorio. Mira, no Consello Pastoral estiven dez anos e fixemos moitas cousas e sen pedir nada aos veciños. Compramos unha terra para facer un aparcadoiro, cubrimos a igrexa, fíxose o coro, compramos unha lámpadas, que xa daquela costaron case un
millón de pesetas e fixemos unha fonte na que eu fun o que menos aportei pero moitos compañeiros traballaron moito. Eu sempre lles digo que algunhas cousas igual as podíamos ter feito mellor, pero que sempre temos que estar orgullosos do que fixemos.

Como está sendo a experiencia dentro do equipo de goberno?
Xa sempre fun seguindo a vida política e estame resultando sinxelo, porque no grupo de goberno hai moi boa xente e, aínda que entras de novo e hai cousas que descoñeces, eles vanche indicando.

Como foi a acollida?
Recibíronme cos brazos abertos, incluso a oposición. O aire que se respira na corporación é dunha harmonía excelente e isto é algo que a min me agrada, porque aínda que cada un ten as súas ideas e opinións e as defende, despois podemos saír todos xuntos a tomar unha cervexa.

"Estame resultando sinxelo adaptarme, porque o grupo de goberno é xente moi boa que che vai indicando cando non sabes"

Agora que xa está prexubilado, ve isto da política como unha profesión?
Non teño aspiracións políticas. Nunca as tiven. Agora estou aquí por unhas circunstancias concretas e vou facer todo o que poida para axudar. 

Está cómodo coas concellarías que recibiu?
Si. O medio ambiente é un tema delicado porque por moito que traballes sempre hai cousas pendentes e no eido do turismo teño confianza en que a nova oficina de turismo virtual que se acaba de inaugurar no Cenima vai funcionar ben e vai atraer xente ao pobo.

Cales pensa que son os proxectos pendentes en Foz?
O primeiro de todo é abrir a nova residencia da terceira idade e despois temos que ir avanzando cada vez máis no eido turístico, porque aínda que xa se avanzou moito sempre hai que estar ao día para que a xente se decida a visitarnos. Despois está o tema da estrada, da N-642, no que todos estamos de acordo en que hai que arranxala. Parece que para maio ou xuño poden empezar as obras.

"Vexo ao alcalde con ganas de seguir e penso que o fará cada vez con máis garantías"

Volveremos velo na lista para as eleccións de 2019?
Depende de como vaian as cousas. Adquirín uns compromisos cos meus veciños, entre eles que se a depuradora vai para Fazouro ao día seguinte deixo de estar en política. Despois, cando falo co alcalde sempre lle digo que se unha cousa se pode facer, pois dise que si e levase adiante e senón dise que non, pero comprometerse a facer algo e despois non levalo a cabo non me gusta. A verdade é que polo momento imos polo bo camiño.

Ve ao alcalde con ánimo de seguir?
Eu creo que si. Véxoo con confianza e está traballando moi ben. Eu penso que seguirá e farao cada vez con máis garantías. Daquela que se fixo cargo do goberno eran tempos moi difíciles, pasou tres anos pagando facturas, ademais de ser moi novo e a primeira vez que estaba en política. Non lle foi sinxelo. Pero agora está ben e tamén conta cada vez con máis apoio da Xunta.

Gobernar en minoría non debe ser sinxelo.
É complicado sempre, pero neste caso o grupo de goberno e a oposición poden falar entre eles e se nos escoitamos mutuamente é máis sinxelo chegar a acordos. O alcalde sempre está aberto a dialogar e dende a oposición tamén. Iso sempre é importante.

Comentarios