"O Coro da Orquestra Sinfónica vai ter un maior compromiso con Galicia"

O viveirés Javier Fajardo é o novo responsable musical da agrupación e no seu primeiro programa a capella vai traballar temas de compositores como o lucense Xoán Montes
 
Javier Fajardo, director de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)
photo_camera Javier Fajardo, director de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ (AEP)

Javier Fajardo (Viveiro, 1992) continúa con paso firme a súa carreira como director musical. Mantén a súa residencia na cidade do Landro mais viaxa tódalas semanas á Coruña, onde está a estrear o cargo de director musical asociado do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia, con preto de cen voces, e a Castela, onde segue a dirixir o Coro da Universidad de Valladolid.

Como se produciu a súa chegada ao Coro da Sinfónica?
Xa traballaba con eles de forma esporádica durante os últimos cinco anos e ao xubilarse o que foi sempre o seu director dende a fundación hai 25 anos, Joan Company, pensouse que era a mellor forma para darlle continuidade, coa supervisión e baixo a dirección artística de Carlos Mena, que é a miña man dereita. Estou moi ilusionado e teño moitas ganas de empezar verdadeiramente a traballar nos próximos programas, que xa están feitos pola nosa man, porque pensamos que é a mellor forma de que o coro poida evolucionar e poida cumprir unha serie de compromisos que pensamos que son fundamentais.

En que consiste ese traballo e de que maneira lle darán a súa impronta ao grupo?
Por un lado temos que cumprir unha serie de necesidades artísticas porque o coro está asociado á Orquestra Sinfónica de Galicia que é das mellores de España e das mellor consideradas a nivel de Europa, necesitamos ter moita delicadeza para que o grupo, formado por xente amateur pero cun grao alto de esixencia musical, poida cumprir as necesidades artísticas que a orquestra require. E por outro lado a nosa principal labor é ter á xente que compón o coro con saúde no sentido vocal, intelectual... que coñezan músicas de todo tipo e nese aspecto sobre todo traballamos moito o uso da voz, as tesituras, as dinámicas, a axilidade técnica, todos eses apartados que os grupos deste tipo teñen que estar continuamente traballando para que os programas que faga coa orquestra e tamén os propios, esa parte nova que queremos potenciar, estean ben integrados.

Que van traballar en concreto?
O espírito que queremos aportar é dun maior compromiso coa sociedade galega. O primeiro programa que vai facer o coro a capella sen a orquestra vai ser practicamente todo de compositores galegos, tendo como obra principal a dun lucense, Xoán Montes, e tamén incluiremos músicas de compositoras como Margarita Viso, que leva cincuenta anos traballando moi ben; Fernando Buíde, compositor de Santiago, ou Vicente García Julbe que foi mestre de capilla na catedral de Lugo. Imos ter un compromiso máis forte con Galicia e cumprir as necesidades características que ten a orquestra.

Cando van dar os primeiros destes recitais sen a orquestra?
Aínda non están publicados oficialmente pero vanse celebrar durante toda a ponte da Constitución, entre o 6 e o 10 de decembro. Faremos unha xira de concertos por toda Galicia para ter ese compromiso con toda a sociedade e que o coro non se limite só a cantar na sede na Coruña, senón que teña unha mira propia por todo o territorio galego e sirva tamén para visibilizar esta música que normalmente non é a primeira que escoitamos en concertos de música vocal.

Teñen algunha data fixada coa orquestra?
O primeiro que se fará será durante a semana do 17 de febreiro, un programa de música italiana con obras de Vivaldi e Lotti e depois xa no mes de maio o venres 26 a idea é que o coro faga o último concerto da temporada coa orquestra, no que se estreará o Réquiem de Bomtempo, un compositor portugués.

Ten algún outro proxecto?
Á parte dos meus traballos principais na Universidad de Valladolid e na Sinfónica de Galicia teño unha vida artística propia e durante o ano teño outras actividades relacionadas sempre coa dirección, de feito no verán dentro da programación pedagóxica do Festival Bal y Gay fixemos unha adaptación para nenos sobre unha ópera de Mozart. A miña labor toca moitos paus e penso que iso é parte do éxito do que fagao. Agora estou centrado no comezo desta temporada cos coros pero seguro que van vir proxectos interesantes este ano.

O que tivo que deixar foi o coro Tempus Fugit, como lembra este proxecto en Viveiro?
Foi unha mágoa porque o coro Tempus Fugit non só era un coro, era o coro dos meus amigos e para min iso está por diante de todo. Nacera como unha idea de aproveitar que eu tiña certo tempo para adicarlle a ese proxecto que tiña un carácter máis social no tema do compromiso coa música popular galega e a música vocal, pero chega un momento no que o tempo é limitado, tanto o meu como o dos cantantes, e pensamos que o mellor era finiquitalo. Non obstante queda unha espiñiña de facer un concerto de despedida que igual pode facerse no futuro.

Comentarios