A Coral Polifónica de Burela volve tras tres anos de parón con nova dirección

Lucía Expósito substitúe a Iván Vale á fronte dunha agrupación que pretende modernizar. O conxunto musical quere sumar integrantes para cubrir as baixas destes últimos anos
undefined
photo_camera A Coral Polifónica de Burela, pouco antes de actuar no concerto do sábado na casa da cultura. EP

O panorama musical das corais recupera as voces da coñecida agrupación Polifónica de Burela xa que vén de cantar o pasado sábado, como é habitual nestas datas, no tradicional Concerto de Outono realizado na casa da cultura. Este foi un esperado regreso tanto para os seus integrantes como para os seguidores da agrupación, xa que dende o último ensaio realizado o 12 de marzo do 2020 e coas medidas restritivas da covid, non retomaran a actividade ata o pasado febreiro deste ano e con diversas novidades.

Algunha delas foron as baixas entre os integrantes da banda. A presidenta da coral, Toñita Baño, indica que agora son "moi poucos membros" e aínda que se vai incorporando "xente nova", estarían encantados de recibir máis voces. "Recibirémolos a todos coas mans abertas e para estar aquí non fai falta saber de música", especifica. Todos aqueles interesados nesta proposta musical poden chamar ao número de teléfono 608.25.25.88 e obterá toda a información adicional para participar nesta proposta que goza de ter ensaios os luns e xoves a partir das oito e media da tarde na Praza de Abastos de Burela, "se a directora non indica ningún cambio imprevisto", explica Toñita.

Outra das novidades foi a baixa do propio director, Iván Vale Fraga, que lle deixou a batuta do mando dende febreiro pasado a Lucía Expósito Martínez, quen ten novos plans para reconducir e modernizar a agrupación. "Primeiro temos que retomar ben os ritmos e perfeccionar todo o que non se puido ensaiar e acabar de adaptarnos. Despois iremos instando pequenas reformas para facer cada vez un espectáculo máis grande", expresa Expósito.

Volver con forza

O pasado sábado volveron a amosar o seu repertorio nos escenarios e mais como son os resultados despois de seis meses de adaptación. A presidenta expresa que está "contenta cos bos resultados" e coa nova dirección. "Retomamos a actividade despois de casi tres anos e con motivo de que había algúns dos integrantes que, tras tanto tempo illados na casa, precisaban socializar e ter este tipo de actividade. Entón puxémonos en marcha de novo e renovamos a dirección coa cal estamos todos encantados", indica Toñita.

A coral ten programadas novas datas para actuar noutros lados de Galicia o show que levan preparando os últimos meses. En outubro interpretarán o repertorio en Vigo e en Fene. Por outra parte, tamén prepararán novidades e propostas para a nova etapa que están comezando a vivir. "Precisamos algo máis de rodaxe e convivencia para facer todos os cambios que temos previstos", recalca a presidenta. "A directora é nova e, ao final, quere dar máis vida e animar que a xente participe e que o pase ben con todos nós".

Múltiples estilos

Para coñecer mellor a esta coral, a presidenta, que leva 26 anos co mesmo cargo, expón que a agrupación se de algo podería presumir é de ter un amplo repertorio que abarca múltiples estilos, dende música relixiosa ata zarzuelas. "Depende tamén moito do evento ao que nos chaman para cantar ou os cartos que teñamos para organizar cousas", di. Segundo a portavoz da agrupación, no último concerto, cantaron dende unha tradicional de Portugal, a "Guantanamera", unha canción zulú e, "por suposto, non podía faltar unha galega para amosar as cancións do mundo", indica entre risos.

Comentarios