La Ventana

Contos de sempre a día de hoxe

As irmás Marta e Lucía Fernández recolleron no blog Historias de Trabada contos e lendas do seu municipio
G
photo_camera Marta e Lucía. MONTSE HERNANDO

DIN DELAS mesmas que son "dúas irmás nadas no Vilar, exactamente criadas no Porto Da Canda, como se lle chama dentro do Vilar a esa parte do noso pobo". Lucía e Marta Fernández saíron as dúas afeccionadas aos contos e lendas que podían atopar espalladas polo concello con relativa facilidade. De entrada, mesmo na súa familia, da que contan que "somos fillas de fontaneiro e medio ferreiro e dunha labrega bordadora. Netas por unha banda de labrega e ferreiro e da outra de costureira e zoqueiro. Sempre nos gustou a tradición oral, o antigo, os traballos manuais e manter vivas as nosas tradicións".

Marta pasou de pequena moitas horas na forxa co seu avó ferreiro e del aprendeu moitas cantigas e lendas. Lucía sempre tivo fascinación polos refráns que lle escoitaba a ese mesmo avó, xa que o outro finou tendo súa nai trece anos.

O blog Historias de Trabada’ plantéxano coma un espazo dedicado "a manter viva a nosa tradición oral", e danlle o seu valor ao seu profesor de galego do instituto, Suso Fernández Acevedo que, tanto a Marta como a Lucía, lles pediu unha cinta de casete gravada coas voces de persoas maiores contando lendas cantigas... e transcritas a papel, que Lucía conserva aínda hoxe, 28 anos despois.

O blog naceu, como tantas cousas, na pandemia, aínda que en Madrid, onde se atopaba Marta que é a que se move mellor nas redes sociais. Ela deseña o blog e ambas comezan a buscar toda esa información que tiñan gardada, a facer fotos e debuxos para relacionar cada unha delas dun xeito visual coa temática da que trataban. E poñen á súa nai, Cristina, a traballar tamén, e que cada vez que se lembre dunha cantiga, refrán, adiviña... a escriba e a garde para cando vaian á casa ir sumando. "A gran maioría de cousas, por non dicir todo, saíu da casa de Roque, de nosa nai, de noso pai, das avoas e avós, algo da madriña de Lucía e tamén de Leonardo, del conservamos a partitura e letra da muiñeira de Trabada, que todo hai que dicir, nunca escoitamos cantar. Tamén está a colaboración de Jesús de Queitano, que vivía na Arxentina e cando eramos pequenas viña os veráns ao Vilar e del temos a cantiga de Xan Capón, que aínda conservamos gravada. Tratan tamén un caso de violencia de xénero, tan actual nestes tempos e tan tapado daquela, un pasado escuro das historias de Trabada. Esa sentenza foi pública e témola escrita do puño e letra de noso pai", lembran.

Despois de que a pandemia servise para crealo pero non tanto para lanzalo, pensan que igual agora é o momento de volver a darlle forza e retomar esa actividade. "De feito, a última entrada que fixemos é deste verán e de casualidade, cando unha neta dunha irmá de nosa avoa que vive en Miami visitou a Marta en Madrid e cantoulle unha cantiga que súa avoa sempre lle cantaba alá"·.

Din que queren tentar "chegar a esas cintas que entregamos no instituto e facerlles copias, pois foi un erro desa época, non quedar con copia dese material. Ao igual que ir sumando entradiñas escritas".

Así é que se alguén quere aportar algo, xa saben que só teñen que falar con elas: "Somos coñecidas como as rapazas da casa de Roque, as do ferreiro, as do fontaneiro ou, como ultimamente, as fillas de María Cristina", din con humor en referencia á súa mediática nai, acompañada sempre da súa moto.

Comentarios