Dani Irimia: "Conto cousas da vida real, un pouco esaxeradas e sempre cun toque de humor"

Ten vídeos con medio millón de visualizacións, o que dá idea de que á xente lle gusta o que fai; non a todos porque "hai un que sempre critica", asevera
Daniel Irimia. AEP
photo_camera Daniel Irimia. AEP

Dani Irimia saltou á fama por protagonizar un anuncio de Gadis en 2019, unha fama que segue a medrar grazas ao bo rollo que lle pon aos vídeos que trata de subir cada día a Tik Tok.

O seu último vídeo en Tik Tok tivo moito éxito. Falaba de como un pai lle ensinaba a conducir ao fillo. Como lle deu por aí?

Ocorréuseme sen máis. Eu vexo as cousas que pasan na vida real e doulles un toque de humor.

@chavaladita VADE POLO MEDIO 🤣🤣 #galegosnotiktok #paigalego #galitiktok #galicia #humor #retranca #humorgalego ♬ sonido original - Dani Irimia

Tivo repercusión?

Si que tivo. E eu penso que é porque a xente se ve reflectida nos meus vídeos, cousas da vida real un pouco esaxeradas. Cando digo no vídeo que a xente cando vai por unha nacional o fai polo medio por medo a que saia un animal, iso téñollo escoitado a moita xente.

Foi o video máis visto?

Non, este ano téñoos con moita máis repercusión en Tik Tok, de medio millón de visitas, de 300.000 ou 200.000. No de medio millón, unha rapaza fixo un vídeo de que con 10 euros non che daba para saír e eu explicáballe como saímos os galegos con eses cartos. A rapazada vai ao Gadis e ponse diante da orquestra e ten para toda a noite.

@chavaladita Santísima Xeadísima! A ver, no voso pueblo Xea tanto! #xeada #galitiktok #galegosnotiktok #humorgalego #retranca #humor ♬ sonido original - Dani Irimia

E fóra dos vídeos, en que gasta o día?

Estudo unha oposición para mestre de secundaria de Bioloxía. E iso compaxínoo coas campañas de Gadis, facendo promoción para empresas de onde me chaman, traballando na TVG como colaborador ou substituíndo algún compañeiro e logo, no verán, traballo no quiosco de xeados na Rapadoira, que é duns amigos que son como se foran os meus avós.

No inverno adicará máis tempo a estudar.

O 90% do tempo pásoo estudando. Son moi disciplinado, érgome ás seis e media, almorzo e estudo de sete a dez. Logo saco aos cans e doume algo de tempo para facer un vídeo, e estudo ata o mediodía, cando fago un pouco de ximnasio antes de comer. Logo sesta de media hora e a estudar outra vez.

E non lle custa facer un vídeo todos os días de algo con graza?

Intento facer un vídeo diario, pero non é sinxelo. Tento facelo de calidade, e ao mellor me leva unha hora, porque non só é gravar, tamén hai que poñer o foco, que se escoite ben, pensar como o vas a dicir... Hai vídeos que os fago en dez minutos porque estou inspirado, pero outros lévanche máis tempo. 

En cal estivo inspirado?

Houbo un vídeo onde explicaba como son as xeadas na Mariña. Fíxeno pola mañá cando me levantei, en dez minutos, e tivo 70.000 visitas, pero outros levan algo máis de traballo detrás.

Cantos seguidores ten en Tik Tok?

Teño 22.000 seguidores. Se o comparas con personas coñecidas de ámbito nacional son poucas. En castelán, son poucas, pero se o comparas con vídeos en galego aínda che son.

Por que os fai en galego?

Porque eu falo galego na miña vida, e os vídeos son naturais. Se falara castelán, que non teño ningún problema en facelo, non me expresaría con toda a naturalidade.

Que lle din os seus amigos? Gústalles, en xeral á xente gústalle. Eu non me meto en polémicas nin fago vídeos que poidan ferir os sentimientos, pero sempre hai o típico que os critica todos. Neste caso hai un e non o entendo, porque se ti vas a mercar un chaquetón e non che gusta, non miras para el máis, non o compras, e se non che gustan os meus vídeos, non os mires, dálle a bloquear. Un dos vídeos que máis visualizacións tivo foi no que explicaba como os galegos podemos saír de noite con 10 euros»

Comentarios