sábado. 12.06.2021 |
El tiempo
sábado. 12.06.2021
El tiempo

O Consello da Cultura Galega insta a manter "a forma patrimonial Ría de Ribadeo"

Ría de Ribadeo. J.Mª ÁLVEZ (AEP)
Ría de Ribadeo. J.Mª ÁLVEZ (AEP)
Un informe emitido polo organismo defende que a documentación e a cartografía histórica avalan a denominación actual

O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de emitir un informe no insta a manter "a forma patrimonial Ría de Ribadeo", un documento que lle foi requirido pola Xunta de Galicia tras a solicitude presentada polo Principado de Asturias ante o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana para cambiar o nome oficial do estuario polo de Ría do Eo.

No informe, o Consello da Cultura Galega explica que a documentación e a cartografía histórica avalan a denominación actual e lembra que "a toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial".

O citado documento, aprobado na Comisión Executiva do CCG, con data de 3 maio, alega que "Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos. Informes anteriores sinalaron xa a constancia coa que se usa este topónimo en mapas e cartas náuticas realizadas en distintos séculos por autores de diferentes países, incluídos organismos oficiais".

"Unha constancia que excede con moito o uso local e invalida o argumento de que poida tratarse dunha tradición exclusiva da beira occidental", precisa.

Con respecto á solución proposta polo Principado, o informe do CCG considera que "é unha acción de política lingüística que ten como efecto colateral introducir unha anomalía denominativa onde non a había".

De feito, o informe ofrece unha mostra das pegadas históricas do topónimo na zona e apunta "a inconveniencia de alterar sen xustificación histórica as denominacións toponímicas", porque a "toponimia tradicional forma parte do patrimonio cultural inmaterial e, por tanto, todos os organismos públicos están obrigados á súa protección".

O Consello da Cultura Galega insta a manter "a forma patrimonial...
Comentarios