sábado. 18.09.2021 |
El tiempo
sábado. 18.09.2021
El tiempo

Emérito Fernández, conquistador de cumes

Emérito Fernández Cabaleiro, no monte Castelo despois dun adestramento, co seu inseparable can Gavia. J.Mª ÁLVEZ
Emérito Fernández Cabaleiro, no monte Castelo despois dun adestramento, co seu inseparable can Gavia. J.Mª ÁLVEZ
Impúxose na Camovi de 21 kilómetros despois de deixar o ciclismo e pasarse ás carreiras de montaña

Emérito Fernández Cabaleiro (Foz, 1991) atópase feliz nas cumes, sobre todo cando está co seu can Gavia —chámase así polo pico mítico no Giro de Italia—. Atópase tan a gusto que é capaz de correr a tope unha proba de tanta entidade , prestixio e recoñecemento como é a Camovi, onde se confirmou coma un dos grandes especialistas mariñáns nas carreiras de montaña.

Aínda que leve pouco tempo correndo este tipo de probas, o focego foi o máis rápido entre os 150 participantes que se deron cita na distancia de 21 kilómetros na carreira dos montes de Viveiro, cun tempazo de 1.58.13, aventaxando ao segundo en máis de 5 minutos e ao terceiro, en máis dun cuarto de hora. "Tiña a intención de saír a tope e de chegar a tope e así o fixen. Pasei un mal momento onde lle chaman o bucle porque facía moita calor e non había brisa, pero cando cheguei ao cume do Penedo do Galo xa vin que podía gañar. Tiña referencias de que o segundo viña a 6 ou 7 minutos, hidrateime ben e baixei con tranquilidade porque non quería tomar riscos innecesarios pensando que en pouco tempo teño outra carreira á que quero ir", sinalou, máis satisfeito que sorprendido pola súa victoria, xa que levaba un tempo adestrando con moi bo ritmo e sabía que estando ao seu nivel tiña opcións de pelexar por algo importante. "Non sabía se me daría para gañar, pero levaba un tempo atopándome moi ben e facendo bos cronos en adestramentos polos Picos de Europa ou pola Zona Oubiña. Pensaba que podía estar entre os mellores como así foi", suliñou.

"A nivel físico é máis duro correr, a nivel mental é máis esixente o ciclismo"

Moito antes de facer carreiras de montaña —a primeira Camovi non chegou ata 2019— Emérito Fernández Cabaleiro estivo vinculado a outros deportes, como o fútbol dende moi noviño ou o ciclismo, chegando incluso a competir a nivel autonómico na categoría elite, recollendo algúns bos resultados. "Cando era neno xogaba ao fútbol porque era o que máis se levaba e era o que facían todos os meus amigos, cheguei ata xuvenís. Cando marchei facer a carreira de Inef atopeime cun profesor que me meteu no mundo do ciclismo e foi algo que me encheu moito máis. Con 20 anos empecei a tomalo moito máis en serio e estiven algunhas tempadas na categoría elite. Logo chegou o traballo e tiven que deixar de competir. Non podía compaxinar, porque o ciclismo é un deporte que precisa moito tempo, algo que deixei de ter, así que me pasei as carreiras de montaña", afirmou.

Aínda que agora está máis dedicado ás carreiras de montaña, Emérito tampouco quere deixar de lado o ciclismo, aínda que so como afeccionado. "Agora tómoo unicamente como unha diversión, saio bastante con outra xente a subir a Cobertoria e outros picos".

O focego ve bastantes diferencias entre o ciclismo e o atletismo. "As sensacións poden ser semellantes, pero penso que a nivel físico é moito máis duro o atletismo, aí están as lesións que son moito máis habituais. O ciclismo é máis esixente a nivel mental,case sempre hai máis soidade", explica Emérito, que recoñece tamén que o atletismo presenta máis posibilidades á hora de adestrar. "Ás veces chovendo saír dúas ou tres horas coa bicicleta polas mesmas estradas era moi duro, correr sempre presenta moitas máis opcións, uns días vas por un sitio que coñeces, outras veces buscas zonas máis descoñecidas, ten máis variantes",sinala.

O que ten moi claro Emérito é que non vai facer atletismo en pista aínda que algúns participantes de carreiras de montaña compaxinan as dúas modalidades. "A min gústame correr polo monte, gústame moito a montaña e a natureza. Saio tamén para disfrutar e ver paisaxes. Para min saír a correr polo monte con Gavia é un pracer absoluto"

Non é Emérito de facer programas de adestramentos con moita antelación, xa que di guiarse "por sensacións", aínda que procura correr con regularidade porque é o que lle gusta e o que lle pide o corpo. "Todos os días fago algo, aínda que non fago unha programación pechada, senón que vai saíndo según como me atope. É verdade que un día á semana sempre fago unha boa tirada de kilómetros, pero tampouco é sempre o mesmo día en cada semana. Vou vendo como me atopo, penso que agora coñezo bastante ben o meu corpo e fago o que me vai pedindo", explicou.

PICOS DE EUROPA. En menos dun mes este mariñán estará competindo nos Picos de Europa nunha proba que vai facer por vez primeira e que lle apetece moito. Trátase da carreira curta do Desafío Cainejo, unha proba que non chega aos 20 kilómetros (19,5), pero que ten como peculiaridade que arranca cuns kilómetros vertical e despois ten unha baixada moi longa e técnica para un desnivel acumulado de 3.600 metros para llegar a la meta en Caín. A carreira será o día 3 de outubro.

"A xente que tira basura non respecta para nada o monte"
A pandemia de covid fixo que moita xente se afeccionara ao atletismo en xeral e ás carreiras de montaña en particular. Emérito Fernández Cabaleiro di non saber se este auxe é unha situación puntual ou se realmente vai medrando a afección. "Está claro que se nota moitísima máis xente nas probas de montaña, pero non so iso, senón subindo ao monte en xeral. Non sei se vai seguir isto igual despois da pandemia, pero o que si teño claro é que a xente que tira latas de bonito ou Copa Cola, ou basura en xeral non ten ningún respecto ao monte", sinala o focego.

Emérito Fernández, conquistador de cumes
Comentarios