Conde di en Viveiro que Pedro Sánchez "ten a chave para dar unha solución" a Alcoa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria sinala que a situación pasa por "establecer un prezo eléctrico competitivo"

Francisco Conde. ELISEO TRIGO (EFE)
photo_camera Francisco Conde. ELISEO TRIGO (EFE)

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asegurou este venres que a Xunta está "moi preocupada" pola situación de Alcoa e afirmou que é o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "o que ten a chave para atopar unha solución".

Nun encontro con simpatizantes en Viveiro, no que tamén asistiron, entre outros, os candidatos ao Congreso Jaime de Olano e Joaquín García Díez, e o candidato ao Senado José Manuel Barreiro, Conde insistiu na importancia de que o Goberno central dea unha solución aos sectores das electrointensivas e forestais.

Con respecto á "supervivencia" da planta de aluminio de San Cibrao, o conselleiro sinalou que a solución pasa por "establecer un prezo eléctrico competitivo". "Isto é como aquel que ten un piso e o vende. Pode ter moitos interesados na compra, pero o que esta xente vai preguntar é como se vai financiar este custo. É dicir, se non hai ese prezo, será imposible que Alcoa consiga unha solución", explicou Conde, segundo recolle o PPdeG nun comunicado.

Por este motivo, censurou que se estea "frivolizando co tema enerxético" a pesar de que "a política é a que está a impactar máis en España" debido a que "hai unha tendencia crecente dos prezos" que afecta "a todos os sectores produtivos e mesmo ás familias". Así, lamentou que aínda non se desen explicacións de por que noutras zonas de Europa non se pechan centrais e en Galicia si".

Segundo Conde, Alcoa "sempre estivo presente na mesa do presidente Rajoy", polo que engadiu que "non é o mesmo ter en Madrid un Goberno que outro".

Comentarios