"O concerto de Burela vai ser moi especial e contará con sorpresas"

Acostumada aos ritmos de fusión, Susana Seivane volve no seu último traballo ás orixes da música tradicional con Dende o meu balcón. Un cambio que recoñece que necesitaba e que lle permitiu constatar a boa saúde que ten o folclore galego, tanto dentro comoa fóra de Galicia
Susana Seivane.MIGUEL VIDAL (AEP)
photo_camera Susana Seivane.MIGUEL VIDAL (AEP)

A ACTUACIÓN que este sábado, ás oito da tarde no auditorio da casa da cultura, ofrecerá Susana Seivane en Burela vai ser a primeira en meses para a gaiteira. Será un recital máis íntimo do habitual no que só estará acompañada no escenario por Iago Rodríguez ao bombo e Carlos Freire ao tamboril e no que presentará o seu último traballo, ‘Dende o meu balcón’, xestado nos meses de confinamento.

‘Dende o meu balcón’ é un disco diferente dos demais e xestado tamén dun xeito moi diferente.

Si, durante o confinamento o noso ritual era facer o aplauso musical ás oito da tarde, tocar para os nosos veciños. A sorpresa foi que os vídeos que colgamos nas redes se viralizaron e chegaron a xente de todo o mundo; non só galegos que están fóra senón xente de Australia ou de Xapón que descubriron o son da gaita e que nos enviaron mensaxes dicindo que lles remexera por dentro dun xeito incrible.

A xente tirou moi da música neses momentos.

Era todo tan terrorífico. Parecía que estabamos nunha película de ciencia ficción e a xente colleu a música ou ver unha película como unha vía de escape para evadirse de todo o que estaba pasando. Dinme conta que no medio de todo iso a xente tirou de cousas que lle aportaran realidade e a música tradicional, algo tan puro e tan noso, alegrou moitos corazóns.

Nos meses de confinamento a xente buscaba na música a vía de escape que lle permitira evadirse da realidade

Que fai a gaita tan especial?

Os galegos xa levamos no ADN que se nos remexa algo por dentro cada vez que escoitamos unha gaita. Eu toco máis instrumentos, pero coa vibración da gaita non hai ningún e escoitala é poñerseche os pelos de punta. Teño visto xente de fóra de Galicia que ao escoitala se pone a chorar simplemente polo seu son. Ten unha maxia especial.

A gaita ten unha maxia especial que fai que se ller remova algo por dentro a todas as persoas que a escoitan

Que se vai atopar quen escoite este álbum?

Son 55 temas agrupados en 20 suites. É moi denso pero moi sinxelo de escoitar porque está gravado con dez gaitas en diferentes tonalidades o que o fai moi dinámico. Tamén conta cuns arranxos de percusión moi lindos que fan que non sexa nada monótono ao oído. Ademais ten pezas moi coñecidas coma ‘O galo’, ‘A Carolina’, ‘A muiñeira de Lugo’ e outros que non son tan recoñecibles pero que son auténticas xoias como ‘Alborada de San Benito’. É un disco especial porque se sae do habitual do que son os meus discos, tamén polo momento non que foi creado.

É unha volta á orixe.

Si en repertorio e en instrumentación. Está composto por un repertorio que manexo dende pequena e que me apetecía facer. Configureino xunto cos meus ‘seivaneiros’, como lles chamo aos meus seguidores nas redes, porque cada día facíalles peticións e algunhas coincidían tamén con pezas que a min me apetecía tocar. Con 12 anos gravei a miña primeira maqueta que quedou na casa é que era semellante a este disco; logo no 1999 xa saquei o primeiro traballo con ese selo de fusión que me caracteriza, así que tiveron que pasar máis de 30 anos e unha pandemia para poder facer este disco de volta á orixe.

A música tradicional galega goza de boa saúde?

Coa miña experiencia no balcón si. Foi esa volta ás orixes que a xente necesitaba e eu tamén. Pero xa dende antes desta pandemia en xeral a música tradicional está vivindo un bo momento. Á xente gústalle o noso e fóra de Galicia, alucinan co riquísimo patrimonio que temos, coa nosa música, que é moi linda e moi divertida, de festa, e coa cultura.

E como se fai para modernizar algo que é tan tradicional?

Hoxe en día, e grazas á labor dos construtores de gaitas, a gaita evolucionou moito. Está en primeira división e pode compartir escenario con calquera instrumento e adaptarse a calquera tipo de música. Os nosos directos teñen esa fusión coa gaita dándolle cor e facéndolle guiños ao rock, ao pop, o jazz ou o punk. A gaita é un instrumento moi versátil para iso e a min gústame moito esa fusión.

Como é volver a actuar en directo despois destes meses?

Temos moitas ganas de tocar. Os músicos temos a sorte de que nos apaixona o noso traballo e ademais tamén precisamos traballar porque é do que vivimos. Hai moitas familias que viven directa ou indirectamente da música e precisase volver a empezar.

Como será a actuación de Burela?

Vai ser unha actuación de 40 minutos nunha versión reducida con só tres persoas no escenario, pero vai ser un concerto marabilloso e superespecial. Temos moitas ganas de tocar e sabemos que nos vamos encontrar co público de Burela de sempre, que é marabilloso, receptivo e animado, pero co plus engadido de que todos necesitamos música. Ademais podo adiantar que teremos dúas sorpresas moi especiais. Dunha delas podo dicir xa que se trata dun amigo músico moi coñecido en Burela e que nos vai acompañar nalgún tema.

Xa ten en mente algún proxecto novo?

Levamos mes e medio xa traballando cos temas do que será o seguinte disco, que queremos sacar para o vindeiro ano. Nel recupero a esencia do meu traballo de sempre, máis moderno e con esta fusión.

Comentarios