Os concellos de Ribadeo e Viveiro amosan o seu pesar polo falecemento de Luz Pozo Garza

Nomeárana, respectivamente, filla predilecta e adoptiva
Entrega a Luz Pozo Garza del título de Hija predilecta de Ribadeo. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Entrega a Luz Pozo Garza del título de Hija predilecta de Ribadeo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Entre as numerosas condolencias transmitidas polo pasamento de Luz Pozo Garza figuran as dos concellos de Ribadeo e Viveiro. No primeiro naceu e no segundo residiu unha terceira parte da súa vida. En ambos deixou unha fonda pegada, recoñecida co nomeamento de filla predilecta e de filla adoptiva, respectivamente.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, en nome da corporación, traslada o pésame á familia "da que foi unha grande poeta e unha grande defensora do seu vínculo con Ribadeo, vila na que naceu en xullo de 1922" e na que as bandeiras do Concello ondean a media asta.

Ademais de nomeala filla predilecta, en Ribadeo hai unha rúa co seu nome e un monólito cun poema seu, "formando parte da iniciativa anual que a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega fai para homenaxear cada ano un autor o autora: A escritora/ O escritor na súa terra". 

VIVEIRO. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, tamén en representación da corporación e dos veciños, lembrou que Luz Pozo tiña unha fonda vinculación co municipio, onde viviu 32 anos e onde naceron os seus fillos.

A súa familia trasladouse a Viveiro cando ela tiña sete anos e residiu na cidade do Landro ata 1938, despois regresou en 1940 e permaneceu ata 1963, segundo lembran desde o Concello. 

"Durante a súa estadía en Viveiro, Luz Pozo exerceu como mestra e formou a numerosas xeracións de viveirenses, participou activamente na vida cultural e social da cidade e, sobre todo, estableceu unha relación especial coa nosa vila e as súas xentes, un vínculo que se mantivo ao longo da súa vida", reseña a alcaldesa, que lembra tamén a súa ampla traxectoria.

“Nos seus inicios, nun mundo predominantemente masculino, soubo crear o seu propio espazo, proxectar o seu mundo literario e conseguir o respecto dos seus compañeiros. Son as mulleres como Luz Pozo Garza as que, no seu momento, abriron camiño para facer que, hoxe en día, sexa máis fácil a presenza das mulleres en todos os eidos”, destaca a alcaldesa de Viveiro.

EOI. Neste mesmo municipio, a Escola Oficial de Idiomas leva o nome de Luz Pozo Garza a proposta do Observatorio da Mariña pola Igualdade.

Más en A Mariña
Comentarios