Cancelado o Resu XS ao non ceder as instalacións o Concello de Viveiro

O goberno local asegura que o seu obxectivo é "preservar a seguridade e a saúde" dos veciños e que "o problema" non se localizaría no recinto, senón no exterior ► A organización do festival acata pero non entende a decisión do goberno local

Escenario del Resurrection Fest en Lavandeiras en 2017. ARCHIVO
photo_camera Escenario do Resurrection Fest en Lavandeiras en 2017. ARQUIVO

O Concello de Viveiro decidiu este mércores non ceder as instalacións municipais para a celebración este ano do Resurrection Fest, unha negativa que di que responde ao "único obxectivo de preservar a seguridade e saúde da veciñanza".

Coñecida a decisión, a organización do festival asegurou que a "acata" a pesar de non entendela "para nada". Fíxoo nun comunicado, que encabeza apuntando que "o Concello de Viveiro cancela o Resurrection Fest Estrella Galicia XS".

Os promotores viñan de anunciar para este ano unha edición nun "formato XS", cun ciclo de concertos no mesmo recinto do festival en Lavandeiras entre os días 21 e 30 deste mes, e cun aforo limitado a un máximo de 800 persoas. Subliñaron, ademais, que cumpriría "todas as medidas preventivas" e que sería un "evento de moi pequenas dimensións", despois de coñecerse as dúbidas e receos dalgúns veciños. 

“É unha decisión complicada e difícil, pero para o Concello o primeiro é a seguridade da veciñanza", asegura a alcaldesa

Agora, o Concello remítese á crise sanitaria e á "opinión maioritaria dos veciños e veciñas" para decidir non deixar o espazo para a celebración do festival. O grupo de goberno asegura —a través dun comunicado— que "o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados", senón "no exterior". "Nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade", apunta.

“É unha decisión complicada e difícil, tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, pero para o Concello o primeiro é a seguridade da veciñanza. Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación”, apunta a alcaldesa, María Loureiro.

O Concello, que constata que nun primeiro momento considerou acertadas as medidas de seguridade a aplicar dentro do recinto, di "lamentar" a decisión e expresa o seu "apoio desde a súa fundación" ao festival, polo que asegura que traballará "desde mañá mesmo para poder celebrar a edición de 2021 nas mellores condicións posibles". 

"Estamos propoñendo a alternativa cultural máis segura que se poida facer hoxe en día", di a organización

A organización do Resu, pola súa banda, respondeu á decisión municipal cun comunicado no que asegura non entendela "cando estamos propoñendo a alternativa cultural máis segura que se poida facer hoxe en día, e cando se levan realizando eventos similares durante meses en toda España con todas as medidas de seguridade e previsión posibles". A partir de ahí, di non compartir a determinación e apunta que non entra a valorar os motivos. "Queremos seguir mantendo unha boa relación co Concello de Viveiro, e, pese a non compartilo, acatámolo", di, ao tempo que garante a celebración do Resu Online os días 28 e 29.

Os promotores remítense ao exemplo de que "todos os festivais da marca Fest Galicia" puideron realizar os seus ciclos de concertos seguros con aforo reducido "sen problema", como o Atlantic Fest, Ribeira Sacra, Sin Sal, ViveNigrán, SonRias Baixas ou Atardeceres no Gaias". "Menos nós, e considerámolo inxusto e desproporcionado".

Tras salientar que o formato proposto é "máis seguro que calquera outro tipo de actividade cotiá", lamenta que a decisión municipal deixa moitos provedores de Viveiro sen unha facturación que os axudaría a pasar estes meses "tan malos", deixa no aire "moitos traballadores" e supón "un duro golpe" para os hostaleiros, ao tempo que "afunde as bandas e os seus técnicos". "Sen dúbida, este varapalo deixa a cultura e Viveiro nun peor lugar ca onte", engade.

Comentarios