O Concello de Viveiro baralla cambiar o desfile ao sábado se este martes chove

As predicións apuntan a que este martes haberá chuvias xeneralizadas

O desfile de Entroido de Viveiro de 2017. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera O desfile de Entroido de Viveiro de 2017. J.Mª ÁLVEZ

O Concello de Viveiro trasladará o seu Gran Desfile de Entroido, previsto para o martes, ao sábado en caso de que as choivas sexan xeneralizadas, como apuntan as predicións

O desfile sairá, se as condicións meteorolóxicas o permiten, ás 17:30 horas dende Verxeles para rematar na Praza Maior. O Concello ten previsto entregar uns 7.000 euros en premios a repartir entre as distintas categorías: carrozas, grupos, comparsas con música, parellas e individual, ademais do Premio do Xurado á Orixinalidade, do Premio do Xurado ao humor e do Premio ao participante máis lonxevo (estes dous últimos premios patrocinados polo CCHV e polo restaurante O Muro). 

No entanto, as predicións para o martes nuncian chuvias xeneralizadas ao longo do día. Por este motivo, no suposto de que as inclemencias meteorolóxicas impidan a celebración do desfile, tal e como está previsto, este celebrarase o vindeiro sábado.

O Concello tomou a decisión de celebrar o desfile noutra data, no caso de que non poida saír o martes, "para non botar a perder o traballo de tantos e tantos días e máis a ilusión dos 500 participantes apuntados que, a día de hoxe, figuran inscritos nas distintas categorías", explica nun comunicado.

"Barallamos varias opcións e decidimos trasladalo, no caso de que sexa necesario, ao vindeiro sábado, para non facelo coincidir co Entroido de Lourenzá, que se celebra o domingo, e entendendo que ese día non coincidiría con ningún outro desfile da zona", engade.

Más en A Mariña
Comentarios