O Concello viveirés pide á Xunta 40.000 euros para melloras no Pernas Peón

Tamén recolle a procesionaria do pinar do parque para tratar de minimiza-lo impacto dunha praga que dura xa 30 anos

 

As inmediacións do estanque de patos terán rego automático. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera As inmediacións do estanque de patos terán rego automático. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, confirma por escrito en resposta a unha pregunta formulada pola concelleira Cristina Goás (PP) que o Concello vai solicitar unha subvención para executar melloras no parque Pernas Peón. O goberno prevía que os técnicos municipais enviaran esta semana a documentación.

A intención é repoñer a capa de rodaxe, colocar disimuladores para os contedores de residuos e instalar o rego automático na zona verde próxima ao estanque dos patos. O importe total destas actuacións ascende a 40.000 euros. Segundo Goás a axuda autonómica máxima de Vicepresidencia para a creación ou mellora de infraestruturas ou equipamentos relacionados coa prestación de servizos municipais ascende a 40.000 euros e subvencionan o 80% da cantidade solicitada.

Por outra banda, Loureiro indica que na zona de xogos do parque viveirés non hai procesionaria, e que cando parece resulta moi difícil erradicala e supón unha dedicación estricta durante anos. «O xardiñeiro di que a recorda dende hai uns 30 anos e que é responsable dun importante número de pinos secos», reseñou no pleno.

A rexedora sinala que o remedio máis drástico para a súa eliminación, segundo expertos da Consellería de Medio Rural, consiste en cortalas árbores afectadas, aínda que hai diversos medios para minimizalo impacto da praga. María Loureiro explica que hai anos, durante outra afección importante, dende o Concello optaron por tirar ao chan as bolsas que conteñen as larvas para recollelas e queimalas. «De momento estamos recollendo os individuos que baixaron ao chan para enterrarse», precisa sobre a actuación que levan a cabo nesta ocasión.

Comentarios