"O Concello é a primeira porta á que se chama e sempre está aberta"

Ao fronte do Concello viveirés, o de máis habitantes da Mariña, María Loureiro opta á reelección para seguir apostando pola mellora do municipio e do benestar dos seus veciños
María Loureiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María Loureiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Como afronta esta nova carreira cara as furnas, despois de varios mandatos?
Preséntome como candidata por terceira vez e o fago coa mesma ilusión coa que o fixen no 2015 e cando repetín no 2019. Cada catro anos poñémonos a disposición dos veciños e agora o fago de novo, con máis experiencia no que respecta á primeira liña, porque en política municipal xa levo moitos máis anos. Considero que este mandato non foi completo, xa que houbo dous anos de pandemia e tivemos que adicarnos ás novas necesidades que xurdiron e temos tamén moitas ganas de traballar por e para Viveiro. Nacín e vivo aquí e é onde estou criando aos meus fillos e a miña ilusión é Viveiro.

Facía referencia á pandemia, que entendo que sería o máis duro que lle tocou vivir na política, pero a nivel persoal con que experiencia positiva se queda?
Sen dúbida co apoio e a disposición dos veciños e veciñas para colaborar en todo o que fose, dende axudar á xente que estaba soa ou carecía de medios, a facer máscaras, voluntariado... Sabía que Viveiro era un pobo solidario, pero corroboreino coa pandemia.

"Sabía que viveiro era un pobo moi solidario, pero corroboreino coa pandemia"

A nivel municipal destacan sempre a rapidez coa que se actuou á hora de ofrecer axudas, co que lograron manter vivo o tecido económico de comercio e hostalería.
Viveiro foi dos concellos que máis rápido actuou na posta en marcha de medidas e axudas para os sectores máis afectados. Tivemos un plan de emerxencia, incluso aceptando propostas do grupo Por Viveiro, e non me costa dicilo porque é unha realidade, e demos subvencións económicas aos autónomos e aos hostaleiros, aos que tamén levamos dous anos sen cobrarlles as taxas pola ocupación pública para as terrazas. Tamén demos axudas, mentres se resolvían os Ertes, a veciños que non tiñan ingresos para axudarlles cos gastos de alimentación ou alugueres.

"A miña prioridade, a miña expectativa sempre foi o concello de viveiro, onde nacín e se crían os meus fillos"

Volvendo ao arranque da entrevista. Haberá moita renovación nas listas?
Agora mesmo somos un equipo de oito persoas e estou supersatisfeita co traballo dos meus concelleiros e concelleiras, dos que a meirande parte combina o seu traballo coa política, porque só eu e o tenente de alcaldesa temos dedicacións exclusivas, e moitas veces é un doble esforzo, son consciente, pero somos un equipo, unha piña. En relación coa nova lista teño que decir que todos os postos, no noso caso vinte, son indispensables, pero si que quero aunar experiencia con renovación, coa incorporación de caras novas e cunha nova forma de actuar.

E pode adiantar algunha desas sorpresas?
Non, porque unha vez que esté pechada a lista vai ser na agrupación socialista o primeiro sitio onde se presente para que dían o visto bo; así que por respecto aos afiliados non podo adiantar nada.

"Buscamos alternativas para a residencia de aspanane, pero temos limitacións ao carecer de plan de ordenación"

Que é o máis enriquecedor de gobernar no seu municipio?
A política do día a día é achegarse aos veciños, o Concello está aberto para todos e é a primeira porta na que chaman. A min gústame estar aí, atendendo aos seus problemas e, se é posible, solucionalos e o noso equipo de goberno entende a política como de cercanía. A miña prioridade, a miña expectativa, sempre foi o concello de Viveiro.

Se consegue o respaldo dos veciños, que proxectos lle gustaría levar a cabo?
Aparte de seguir no día a día é certo que temos materias pendentes. Tanto no municipio de Viveiro como na comarca da Mariña temos un déficit en industria, carecemos dun plan industrial e levamos xa tempo sufrindo peches ou problemas coas empresas. Xa o reivindicamos dende hai tempo, pero o ten que facer a Administración competente, que neste caso é a Xunta de Galicia. O problema das infraestruturas é un tema que vimos arrastrando dende hai máis de vinte anos e cando a Autovía do Cantábrico, co Goberno de España, en Galicia e na Deputación da mesma cor política, foi por Vilalba, foi a crónica dunha morte anunciada. Agora, coa crise vese esa carencia de infraestruturas que no caso de Viveiro é a falta dunha vía de alta capacidade o que non axuda ao asentamento de empresas. Ao municipio de Viveiro hai que vir a propósito; somos conscientes de que se veñen, repiten, pero non temos boas infraestruturas, polo que para que Viveiro medre e o faga toda a comarca hai que invertir en infraestructuras.

"Na lista aunarase experiencia con renovación, con caras novas e unha nova forma de actuar"

Un mandato no que abreu a nova sede do Instituto Nacional de Seguridade Social (INSS) e no que se confirmou que no se fará en Viveiro a residencia de Aspanane. Cara e cruz da política, ás veces ingrata.
Foi o Goberno de Pedro Sánchez o que desatascou a tramitación para o INSS e agora podemos disfrutar dun inmueble en condicións e accesible para todos os veciños non só de Viveiro, senón tamén das comarcas da Mariña e Ortegal. Respecto a Aspanane non é certo o que intentou facer ver algún voceiro político de que se marcha de Viveiro, porque sigue aquí e o Concello sigue involucrado coa entidade, coa que seguimos traballando man a man; tanto as naves como o centro de día son instalacións municipais, lles concedemos unha subvención de 15.000 euros e vimos de firmar un acordo coa Deputación para amañar un problema de filtración na sede. En canto á residencia, buscamos alternativas, pero temos unhas limitacións ao carecer de Plan de Ordenación e había terreos en varias zonas onde era factible unha residencia, pero tiña que ser de xestión pública. Dende o Concello se deron opcións pero evidentemente eles teñen que mirar polo seu.