domingo. 25.08.2019 |
El tiempo
domingo. 25.08.2019
El tiempo

O Concello de Cervo tamén divulgará a historia local achegando artigos dende a páxina web

Adrián Cao, na biblioteca cervense. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Adrián Cao, na biblioteca cervense. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O novo apartado estréase coa colaboración do historiador e bolseiro local Adrián Cao Borrajo sobre a Prehistoria

Potenciar a historia local é un dos obxectivos polos que se aposta dende o Concello de Cervo, agora tamén dende a páxina web municipal, onde acaba de estrearse un novo apartado sobre Historia e Historias de Cervo, que inicia o historiador Adrián Cao Borrajo cunha publicación sobre o Paleolítico, na que descobre interesantes achádegos respecto do seu concello.

"É un apartado onde iremos subindo os artigos, que iremos tamén compartindo en redes sociais como o Facebook, porque a nosa intención é que toda a veciñanza poida ter acceso a estes documentos aos que Adrián Cao vai dando forma con suma meticulosidade e talento, tecendo pezas de gran valor para a nosa memoria colectiva", explica a concelleira delegada de cultura, Dolores García Caramés.

Unha edil que recalca o labor que se está a facer dende o goberno municipal que preside o rexedor Alfonso Villares para pór en valor o rico patrimonio cervense. "Dende o Concello poñemos especial énfase na posta en valor de todo o que ten que ver co o noso patrimonio, neste caso cultural, porque temos un fondo documental moi rico e abundante. Un arquivo do que se poden extraer, como estamos a ver, historias, datos e curiosidades que permanecían agochadas entre papeis e que cremos interesante que vexan a luz e que a xente descubra".

A súa achega coincide no tempo cunha exposición de útiles do Paleolítico que pode visitarse no consistorio

Unha colaboración que coincide no tempo coa exposición que está aberta nos baixos da casa consistorial, promovida polas asociacións Mariña Patrimonio e A Fervenza e que conta coa colaboración do Concello de Cervo. Estudantes de varios centros de ensino do municipio xa pasaron po esta mostra sobre a que tamén impartiu unha charla o director do Museo da Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, Eduardo Ramil.

O traballo de investigación dos fondos municipais sae á luz grazas á contratación dun historiador que está a estudar o arquivo municipal. Un historiador que foi contratado como becario no concello no marco da bolsa de formación para mozos e mozas que ten en marcha Cervo dende hai un lustro e pola que xa pasaron oitenta persoas, quince delas este ano.

Unha iniciativa que está financiada integramente cos fondos municipais e coa que se consegue "ofrecer á xuventude o primeiro contacto co mundo laboral", recoñece o alcalde, para o que traballan en diversas en dependencias locais de xeito remunerado.

"É un tesouro moi, moi importante"

Adrián Cao Borrajo é un rapaz de 29 anos de San Cibrao que leva tres meses de bolseiro no Concello de Cervo mergullándose nos arquivos municipais, un tempo que lle está a dar grandes satisfaccións a este graduado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela que conseguiu, cos seus achádegos sobre útiles do Paleolítico, demostrar que ía ben encamiñado no afán de ser historiador que ten dende cativo. "Saber como vivía a xente no pasado e poder imaxinar outras sociedades é o que sempre me gustou dende pequeno", conta.

Agora, está encantado coa beca Feuga que lle permite "estar preto da casa e traballar cun horario bo no que che gusta e manter un contacto con xente á que lle interesa o teu labor", explica dende a biblioteca cervense. "Para min que este sexa o primeiro traballo despois de rematar o estudos é algo moi bo, diría que excelente. É un primeiro paso moi positivo e que me está a servir para coller unha importante base, ademais de ter un salario", sinala.

Un estudo relata as importantes pegadas de humanos anteriores ao Homo Sapiens que hai no municipio

O seu traballo consiste en "investigar os arquivos históricos que temos no Concello de Cervo, aínda que non só me limito a iso", asevera o rapaz, que estrea unha serie de artigos sobre o pasado do municipio sobre os útiles preshistóricos e que se poden ver nunha exposición nos baixos do consistorio. "É un tema apaixonante", conta Cao, exultante polo feito de saber que "temos restos dun pasado moi anterior ao do castro de San Cibrao e inclusive podemos falar de poboadores anteriores ao Home sapiens, o que significa que estamos ante un tesouro moi, moi importante".

Entre os útiles atopados, o historiador cervense destaca a incrible presenza dun biface, unha ferramenta que corta por ámbolos dous lados, "e que se usaba para despezar o animal, pero tamén para cazar e como arma de defensa e de seguro que para outras funcións que descoñecemos", relata Cao.

"Teño unha amiga que está a facer un master en Prehistoria e quedou abraiada cando lle falei do achádego xa que non podía crer que houbera bifaces na zona", conta o experto, quen tamén destaca a vital importancia dos núcleos de lascas, "que son unha proba concluínte de que coñecían en profundidade como se traballaba a pedra, pois está moi elaborada", sinala.

A aparición de pedras como o biface ou as lascas denotan que os prehistóricos poboadores eran expertos tallistas

POÑER EN VALOR. Un descubrimento que non pode quedar aquí, pois o seguinte chanzo debe pasar por promocionar estes importantes achádegos, "como se está a facer, de feito", para despois, "unha vez que se conciencie á xente sobre a importancia do tema, empezar a investigar, aínda que xa se sabe que a investigación tende a ser relegada á segunda división da ciencia", sinala.

Entre o que se debe empezar a poñer en valor está, segundo o investigador, a zona do pantano de Río Covo onde, como di, se atoparon moitos útiles de cuarcita, un petróglifo á entrada e dous castros. Unha zona chea de historia sobre a que alerta que se pode estar deteriorando por mor da presenza dos xabaríns, "que poden desenterrar probas", asevera o bolseiro que comparte a súa afección da historia co boxeo.

"Un deporte que practiquei durante os meus anos de estudante en Santiago, que teño que dicir que foron os mellores da miña vida, e sobre o que agora quería dar clases", di. Unha sorpresa que non será a única que vai dar este rapaz, que xa adianta que está a traballar nun proxecto sobre as razas e os nomes dos cans na década dos 60, sobre o que só adianta que moitos teñen nomes rusos, "o que se entende como un desprezo á cultura comunista en plena ditadura".

O Concello de Cervo tamén divulgará a historia local achegando...
Comentarios