O Concello cervense aposta por achegar a cultura en galego durante todo o ano

Aos concertos para conmemorar o Día de Rosalía súmanse outras iniciativas gratuítas para achegar aos máis grandes a sitios pequenos

Unha actuación pasada de Roi Casal. AMA
photo_camera Unha actuación pasada de Roi Casal. AMA

A artista Rosa Cedrón ofrece este venres un concerto especial en San Cibrao, donde os espectadores podrán vibrar coa voz tan persoal desta cantante, unhas das iconas da música en Galicia, onde leva máis de dúas décadas no máis alto.

Unha actuación da que poderá disfrutar o público de toda a bisbarra grazas ao esforzo do Concello de Cervo por achegar aos grandes a sitios pequenos, co alicerce ademais de que se trata dunha actividade completamente gratuíta. Unha proposta coa que dende o Concello queren potenciar o Día de Rosalía e, polo que apostan por artista de renome, pois a Rosa Cedrón precedeulle o ano anterior Amancio Prada.

"O que buscamos é que o noso concello sexa un referente e traballamos en prol da cultura galega ofrecendo concertos de artistas destacados para que a nosa xente poida disfrutar de actuacións que son complicadas de ver fóra das grandes urbes", recorda Dolores García Caramés, edila cervense de cultura.

Polos escenarios cervenses teñen pasado artistas como Amancio Prada, Roi Casal, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, ou Guadí Galego

Unha concelleira que recoñece o esforzo humano e material que supón contratar a artistas da talla de Cedrón o Prada, aos que se suman outras voces do panorama nacional, pois nos derradeiros anos os veciños poideron disfrutar doutros destacados intérpretes, como Roi Casal -que presentou en primicia na localidade un tema do seu disco Son Galego, Son Cubano- Rodrigo Romaní, Guadí Galego, Luar na Lubre, Sés, Mercedes Peón, Susana Seivane, A Roda ou Caxade, aos que se suman outros grupos e formacións, moitos deles locais. "Estamos moi safisfeitos coa resposta do público, que é o que nos anima a seguir traballando nesa liña", sinala a edil, recordando o feito de que o auditorio énchese na meirande parte das actuacións, o que indica que van polo bo camiño.

Monólogos, exposicións ou teatro, con tres grupos locais un deles infantís, son outras das apostas en prol da cultura e lingua galega

XÉNEROS. Unhas propostas que non só están vinculadas á música, pois polo auditorio de San Cibrao, onde teñen lugar boa parte das actuacións, teñen desfilado tamén monologuistas de primeira fila, como Sergio Pazos, Isabel Risco, Oswaldo Digón ou Federico Pérez, Fede, entre outros representantes dun xénero que ten moitos adeptos na localidade.

Tamén o teatro é outra das apostas clásicas; de feito, a localidade conta con dúas compañías de teatro afeccionado e outra infantil, con 45 nenos de diversas idades que participan nun obradoiro todo o ano, dirixido pola propia concelleira, e que estrean sempre ao final do curso escolar. Boa canteira que se suma ao gusto popular das representacións e son moitas as formación que teñen representado as súas obras en Cervo e San Cibrao.

Dúas localidades que son sedes habituais das exposicións que se programan durante todo o ano e as dúas salas están ocupadas os 365 días con mostras de temática variada, o que enriquece a programación cultural dun concello moi dinámico.

Respaldo
Vital apoio ás entidades locais


Ás actividades culturais que promove o Concello de Cervo súmanse a outras moitas que organizan as asociacións e entidades locais e que conta co apoio e o respaldo económico do Concello. Propostas no interior e ao aire libre que fan que o calendario de actos se prolongue a todos os meses do ano e que as iniciativas sexan do agrado de veciños de idades e gustos diversos.

 

Más en A Mariña
Comentarios