O compostor José Vizoso Orol terá placa e espazo fronte ao teatro Pastor Díaz

Descendía do 'Bruxo' de Bravos e estivera emigrado en Cuba

Placa dedicada ao compostor José Vizoso Orol en Viveiro. D.V.
photo_camera Placa dedicada ao compostor José Vizoso Orol en Viveiro. D.V.

A rehabilitación dun edificio xunto á rúa Constanza de Castro de Viveiro, xa a piques de rematar, terá aparellado un recoñecemento para o que foi compoñedor moitos anos en Viveiro, José Vizoso Orol, a quen tamén coñecían como O Bruxo, alcume herdado pois é descendente do famoso Bruxo de Bravos, Fidel.

Persoas que o coñeceron ou buscaron algunha vez alivio para un pulso, curar un nocello ou volver un ombreiro ao sitio, din que José Vizoso era un daqueles persoeiros da medicina tradicional, con coñecementos que se transmitiron nunha saga pero resaltan que emigrara a Cuba, onde cursou estudos de Medicina. Ao retornar a Viveiro, non puido homologar título ningún pero polas súas mans pasaron moitos doentes que atoparon alivio cos seus coñecementos, en tempos nos que a Fisioterapia e a Medicina oficial aínda non estaban tan espalladas como na actualidade.

A Praza do Compostor Sr. José Vizoso Orol, reza nunha placa fronte ao teatro Pastor Díaz e aporta recoñecemento a quen coas mans era capaz de ver e arreglar lesións, cun saber dos ósos, músculos e tendóns adquirido con habilidade durante anos.

O devanceiro máis famoso, Fidel, fixera a guerra en Cuba como axudante de enfermería e logo volveu a Bravos. Coa súa característica barba longa e branca, alí atendía e daba de comer tamén a xente necesitada. O de compoñedor seguiu rodando pola familia, tamén ata Gabriel Vizoso, o compostor de San Román, coñecido dende hai décadas en Cervo, Burela e máis aló da Mariña.

José Vizoso atendeu moitos anos nun local preto da Praciña da Herba, en Viveiro, onde antes unha filla, Berta, tivera unha tenda de modas, Bob Adas, moi moderna.

Comentarios