A comisión de O Naseiro organiza unha cea baile o 29 de abril

A iniciativa servirá para recadar fondos para a romaxe de Viveiro. A organización está aberta a novos integrantes e tamén venderá camisetas e suadoiros

Pandillas en O Naseiro el pasado verano. JM PALEO
photo_camera Pandillas en O Naseiro el pasado verano. JM PALEO

A comisión de festas de O Naseiro en Viveiro organiza unha cea baile o sábado 29 de abril, a partir das nove e media da noite nunha carpa que se instalará nos campos, no mesmo lugar onde o ano pasado se xuntaron 250 persoas. A animación musical será a cargo de Verónica Cambón.

O menú será a base de callos e costela asada, con postre, café e bebidas, cun prezo de 25 euros por persoa, e xa están abertas as reservas no 669.30.22.11. Tamén se poderán facer en vindeiros días en negocios habituais, que anunciará a organización.

A comisión que preside Adrián Casas organiza esta cea para recadar fondos para a romaxe -que se celebra en torno ao cuarto domingo de agosto- e tamén porá á venda proximamente camisetas e, como novidade, suadoiros conmemorativos en distintas cores e talles. En Nadal tamén venderon lotaría e máis adiante editarase o libro da festa con colaboracións empresariais. "O ano pasado quedamos moi xustos", recoñece o organizador, quen lamenta o incremento dos custos, "non só as orquestras, a luz, o gasoil...".

A comisión quedou con catro integrantes e está aberta á incorporación de outras persoas que queiran axudar. Casas sinala que ao levar xa varios anos coa organización da festa non resulta moi complicada, de feito xa están traballando no tema dos permisos necesarios coas administracións, teñen algunha orquestra pechada e contarán cos mesmos botiquíns, aínda que intentarán sumar algunha atracción máis.

Comentarios