Cociña e lingua nun mesmo sitio

Os viveirenses Diana Fernández e David Gómez xuntan no afamado blog 'Bolboretas no bandullo' as súas dúas paixóns e arrasan con receitas como a dos freixós
photo_camera David Gómez e Diana Fernández, na súa cociña.

Os viveirenses Diana Fernández e David Gómez están detrás do afamado blog gastrocultural Bolboretas no bandullo, que case unha década despois da súa creación mantén o espírito co que naceu de divulgar a súa paixón pola gastronomía dende o compromiso co galego, pois ambos estudaron Filoloxía Galega e son profesores desta lingua.

"Empecei a facer tortas para os aniversarios da miña irmá, das amigas e dos nosos amigos, e aí xurdiu a idea de crear un blog para ir subindo todas as receitas que faciamos e non ter que andalas compartindo tanto. Ademais viamos que na rede aínda había moito que facer coa nosa lingua e pareceunos unha oportunidade de unir o que máis nos gusta, cociñar e todo o relacionado coa lingua galega", comenta Diana sobre os inicios do blog, a finais do ano 2013, ao que seguiu un canal de YouTube e perfís nas redes sociais.

Pareceunos unha oportunidade de unir o que máis nos gusta, cociñar e todo o relacionado coa lingua galega

"Encántanos cociñar aos dous, sobre todo a min. Na miña casa tanto miña nai como miña avoa cociñaban moitísimo e a min sempre me gustou. Cando empecei a facer tortas ou cousas diferentes ao normal vía que estaban saíndo ben e esa sempre é unha motivación para seguir", comenta Diana, á que lle se lle dá especialmente ben "a repostaría e a idea é que o blog fose principalmente de repostaría, pero é imposible facer toda a que nos gustaría, comela diariamente, por iso empezamos a intercalar receitas salgadas e o que máis fago hoxe en día é salgado", apunta. O que mellor lle din que lle sae son a lasaña e as croquetas e en doce as galletas ou as magdalenas.

Nas receitas que publican intentan "innovar". "Facemos cociña tradicional pero somos persoas moi curiosas, inquietas, que nos gusta probar e queremos darlle unha nova versión aos pratos", di. Así, entre as últimas entradas do blog pódense atopar unha tortilla con cebola ou unhas patacas bravas, pero tamén unhas lambetadas de amorodo, uns bombóns de framboesa ou pizzas con base de boniato ou berenxena que poden ser unha maneira de facer atractivos os vexetais para os máis pequenos. Engade Diana que tamén gustaron moito un "falso risotto" que fixeron no verán pero a "receita estrela" é a dos freixós, que ten máis de 14.000 visualizacións no seu YouTube.

Ademais o blog abriulles a oportunidade a outras experiencias, como facer un libro ou distintas colaboracións. Recentemente estiveron na festa do chocolate de Sarria e Diana Fernández foi xurado nun concurso de cociña que organizou a asociación Aspace Galicia.

Lambonadas de amorodos

Ingredientes
150 g de amorodos, 100 g de azucre, 50 ml de auga, 1 sobre de xelatina neutra, 1 cullerada de vainilla

Preparación
Para comezarmos, temos de lavar ben e triturar os amorodos. Reservamos. De seguir, mesturamos o azucre, a xelatina, a auga e a vainilla. Agregamos os amorodos. Botámolo nun cazo e quentamos, a lume medio, até que se integren todos os ingredientes e se desfaga o azucre. Repartimos nos moldes e refrixeramos durante 3-4 horas. Desmoldamos e xa estarían listas para comer!

Comentarios