Coa guerrilla como fondo

Manuel Gago presenta o vindeiro venres en Foz a súa última novela 'O exército do fume'

Manuel Gago. J.VÁZQUEZ
photo_camera Manuel Gago. J.VÁZQUEZ

O colectivo Memoria da Mariña organiza o vindeiro venres, ás oito e media da tarde, na libraría Bahía de Foz a presentación da última novela de Manuel Gago, O exército do fume, inspirada na primavera de 1942 e segundo o colectivo un reflexo da memoria da guerrilla na Mariña. "A novela plantexa un escenario no que se entrecruzan dúas realidades, por un lado a guerrilla antifranquista galega, que nese ano aínda está moi activa e ten moito poder e apoio popular e por outro o apoio do exército e do franquismo ás potencias do Eixe na Segunda Guerra mundial", explica Manuel Gago e subliña que se trata de dúas realidades "que existían en Galicia e das que nunca se explorou a súa conexión".

Gago explica que o libro xira arredor de tres eixes: feitos reais, feitos imaxinarios y feitos lendarios, "que sen ser exactamente imaxinarios porque teñen unha base real, non se sabe que parte está cambiada". "A novela avanza arredor destes tres elementos e é o lector o que debe preguntarse cales son os feitos que realmente aconteceron, tendo en conta que as cousas más normais adoitan ser os imaxinarios e os máis sorprendentes os reais", explica o autor.

Aínda sen desvelar moito máis do contido do libro, Gago asegura que nesa mistura entre realidade e ficción, "a xente da Mariña pode recoñecer algún personaxe". E é que o protagonista é un guerrilleiro galego, Ramallo, que se despraza á serra do Xistral para dar con Regos, outro guerrilleiro que ten sona de bo tirador. E hai quen neste personaxe ve a Luís Trigo, O gardarríos, tamén con fama de bo tirador.

O libro, ambientado na primavera de 1942, mistura elementos reais, ficticios e lendarios

Nesta novela, Gago volve reivindicar o papel da xente humilde do rural, "que a miúdo se presentan como xentes pasivas". E si neste caso son o apoio da guerrilla, no seu primeiro libro, O anxo negro, son as xentes dunha parroquia da Costa da Morte as que se unen para recuperar a imaxe dunha santa moi querida que fora roubada. "A reinvindicación deste papel da xente do rural sería o punto de conexión dos dous libros", apunta Gago, que xa traballa en novos proxectos.

Sobre a presentación deste libro o presidente de Memoria da Mariña, Xosé Luís Fernández Rivera, asegura que "as razóns que levaron a unha asociación como a nosa, cuxa razón de ser é a recuperación da memoria histórica, a presentar un volume como este é o seu compromiso coa restauración e a epopeada loita guerrilleira na Mariña". "Os protagonistas da obra de Gago son os grandes heroes da resistencia armada ao franquismo como Luís Trigo, "O gardarríos" ou Xosé Temblás e os escenarios da súa obra os montes da Serra do Xistral ou as estivadas do Cadramón", engade.

TRABALLO. Manuel Gago, que será presentado no acto por Xoán Ramón Fernández Pacios, é doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Dá clase na facultade de Ciencias da Comunicación compostelá e é membro do grupo de investigación en Movos Medios da USC. Mantén o blog Capítulo 0 e dirixe o portal do Consello da Cultura Galega. Dentro do eido arqueolóxico participou nalgunhas excavacións como a levada a cabo no castro da Lanzada ou no complexo de Pena Furada.

Comentarios