"Co primeiro soldo merquei unha guitarra eléctrica"

José Meitín naceu en Xove, moi preto da praia de Esteiro na que traballa como socorrista desde 1999, hai case 25 anos. Tamén é profesor na escola de adultos do conservatorio de Viveiro fóra da tempada estival. Ademais, gústalle moito nadar e correr, e faino tanto por asfalto como polo monte
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera José Meitín na praia de Esteiro, en Xove. ÁLVEZAppleMark

Cando empezou a exercer como socorrista?

De moi novo, con 18 anos no 99. E por qué? Foi vocacional totalmente. Eu vivía moi preto da praia e xa comezara a ter contacto polo surf co areal. Un ano fun limpar a praia contratado polo Concello e cando vin aos socorristas eu sentín que quería estar alí, nese traballo. Logo saquei o curso ese mesmo verán e empecei a traballar.

Imaxino que o contacto coa praia o tería desde moi pequeno.

Si. Eu é o que digo sempre, os mellores surfistas son de Australia e de California, non van a ser do Sáhara. Pois eu, que vivo preto da praia, e teño contacto con ela desde pequeno, é normal que fora socorrista.

Coñecerá a praia como a palma da súa man.

Sempre digo que o mellor curso para socorristas é surfear nesta praia en inverno, porque ves como se acentúan as correntes, faiche ver claramente como se comporta a praia. En verán as condicións están un poco máis atenuadas, pero xa coñeces ben como funciona.

Algún rescate perigoso?

Lembro unha vez que tiven que sacar un señor que tiña un ataque de pánico e non colaborou nada, estaba paralizado. Ademais, neses momentos tiña fortes dores abdominais e pouco despois souben que tiña unha pubalxia. Custoume un pouco sacalo.

A xente é moi atrevida nas praias?

Quédate con esta frase: "Moita xente non sabe a forza que ten o mar". O mar fai o que quere contigo. Antes, cando empecei, a maioría da xente era de aquí, pero agora o 90 por cento é xente de fóra, turistas, xente do interior que non coñece a praia e son confiados.

Que é o máis difícil de traballar nunha praia?

Que non se che vaia das mans, porque ás veces a xente discute polas restricións, e resulta complicado.

Fóra da época estival vostede é profesor de música, como chegou á música?

Foi raro, porque non teño ningún antecedente familiar. Co primeiro soldo de socorrista merquei unha guitarra eléctrica, empecei a tocar e vin que era unha paixón para min. Pouco a pouco fun convertendo a miña paixón na miña profesión, porque fixen o grao de guitarra eléctrica e, por se tivera pouco, agora estou estudando o grao superior de jazz na Coruña.

Que lle aporta traballar como profesor no conservatorio?

 É moi satisfactorio. Dou clases na escola de adultos do conservatorio e non só é dar clases, senon que tamén fas amizade coa xente, vas tomar algo con eles, charlamos na praia... O trato é moi directo.

Tamén é moi deportista.

Si. Eu xoguei ao fútbol no Xove cando estaba en Terceira, pero era moi noviño e non tiña sitio. Por mor da música deixei o fútbol. Tamén é máis difícil practicar deportes grupais porque tes que poñer a moita xente de acordo. Entón empecei a correr, tamén fago surf e nado. Todo para manterme en forma.

Más en A Mariña
Comentarios