Co cabalo como estandarte

As San Lucas de Mondoñedo recuperan todo o seu esplendor nunha edición con sete días de actividade entre os vindeiros 14 e 20
Miguel Paz (á dereita abaixo), xunto ao concelleiro Manolo Tapia, o alcalde, o pregoeiro e membros da directiva das San Lucas. EP
photo_camera Miguel Paz (á dereita abaixo), xunto ao concelleiro Manolo Tapia, o alcalde, o pregoeiro e membros da directiva das San Lucas. EP

As feiras e festas das San Lucas de Mondoñedo nunca deixaron de celebrarse, pero nos anos da pandemia mantíveronse con versións reducidas e adaptadas ás circunstancias. Este ano volven por todo o alto da man da asociación As San Lucas, que renovou a directiva, e co cabalo como o gran protagonista, como non podía ser doutro xeito. Na mesma liña dos anos pasados a cultura e a música tamén teñen un espazo destacado nunhas festas coas que se cerran as grandes citas festivas do ano na Mariña. "Mantivemos a liña de anos pasados e fíxemos moitas reunións para confeccionar un programa o máis completo posible para os sete días de festa", asegura o novo presidente das San Lucas, Miguel Paz.

Os actos empezarán o venres, día 14, co pregón a cargo de Modesto Díaz, unha persoa moi coñecida no municipio polo seu papel na política local e tamén como conserxe do instituto. Será ás oito e media da tarde no auditorio a onde chegará a tradicional comitiva das festas protagonizada pola carroza das sanluqueiras e o sanluqueiro. Este primeiro día xa arrancarán as verbenas na alameda con Charleston Big Band.

O día 15 empezan os actos arredor do cabalo. A cita será cos concursos morfolóxicos de pura raza galega e cunha exhibición de doma no recinto da Granxa. Para este día tamén está prevista unha xuntanza de tractores clásicos e o monólogo de David Amor no auditorio, entre outros actos. Para esta actuación humorística as entradas están á venda en woutick.es a 6 euros. Na verbena actuarán Salsarena e Panamá. O domingo 16 os concursos equinos serán de andadura e a eles súmanse as homenaxes á imprenta e a Pascual Veiga e o encontro folclórico cos grupos A Subela de Foz, Dambara de Burela, Amado Lar do Valadouro e Asubíos da Chaira de Cospeito. A verbena será con Punto Clave e América.

Ambiente nas festas de San Lucas de 2017. IRIA L.V.
Ambiente nunha edición pasada das festas de San Lucas. EP

O día 17, Día das Vésperas, volve un dos actos máis esperados e espectaculares das festas que leva dous anos sen facerse: a baixada dos cabalos polas rúas da cidade ata a feira. Está previsto que os équidos entren na cidade sobre as seis da tarde. A verbena será con Aroma e Panorama. O día das San Lucas, o martes, será a tradicional feira de gando, á que se sumará o concurso de andadura. Tamén se abría a exposición "As San Lucas dende 1156" no auditorio e haberá un espectáculo de doma nocturna con Javier Simón, Kevin Ferreira e Miron Bococi na Praza da Catedral. Principal e Los Satélites amenizarán a verbena.

O día 19 ten como actos principais a misa na catedral ás doce do mediodía, a obra de teatro "Todo nunha noite" de Abismo Caracol e repetirase o espectáculo de doma nocturna. A última verbena será con Tekila. Finalmente, o xoves día 20, Día das Maulas, será a comida da terceira idade no pabellón coa actuación de Principal. e para cerrar os actos e as festas actuará O Bordelo no auditorio coa obra "O covid do mariñan".

Comentarios