"Vivir en Riotorto ofrece moitas vantaxes, non hai case paro e hai aldeas dispoñibles"

O rexedor riotortense é licenciado en Ciencias Económicas e coñece ben o seu municipio porque antes de ser o primeiro edil do municipio traballou como funcionario no Concello, desde 1999 ata xuño de 2015. Nese último ano tamén deixou de exercer de secretario do xulgado de paz, pero segue estando na dirección do Riotorto Fútbol Club

Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Clemente Iglesias, alcalde de Riotorto. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A POBOACIÓN de máis de 65 anos acada o 45% en Riotorto. Desfrutan de diversas actividades, de teleasistencia domiciliaria e dunha axuda a domicilio que non ten lista de agarda, o que significa que "se ten feito unha boa xestión", segundo indica o alcalde que se presenta a reelección polo Partido Popular, Clemente Iglesias.

Cales son as vantaxes de vivir en Riotorto?
Para min, polo feito de vivir en Riotorto todo son vantaxes: temos os mesmos servizos que nunha cidade, afortunadamente, tes outra tranquilidade e estas rodeado de natureza, sen ruídos e con veciños moi hospitalarios e cercanos. Ata hai aldeas en venda. Gustaríame ver crecer a Riotorto no ámbito turístico e empresarial, mantendo os servizos actuais. Un dos nosos retos de futuro é ter algún aloxamento turístico para pernoctar ou casa de turismo rural, ademais dun fogar residencial para a xente maior e ver feito o polígono.

Como avanza o polígono?
O polígono industrial era un dos nosos proxectos prioritarios, que actualmente está en fase de presentación do proxecto de urbanización, despois de pasar polos trámites administrativos de plan especial e conseguir todos os informes sectoriais previos. Cumpre un mandato na alcaldía e vai a por outro.

Cales foron os retos que se tiña marcado?
Unha vez chegado a alcaldía, o noso obxectivo era mellorar as infraestruturas, dispoñer de servizos básicos en todos os pobos, mellorar os accesos aos núcleos, conciliar a vida familiar e laboral, crear infraestruturas deportivas para os máis novos e seguir realizando actividades culturais e deportivas nas escolas veciñais. O noso lema era tratar a todos os veciños por un igual e creo que o conseguimos, mellorando os servizos e reducindo a débeda municipal, que era moi importante.

Pensa que cumpriron todo o que se propuxeron facer?
Cumplimos o programa electoral nun 85%, melloramos os accesos aos núcleos de población, fixemos obras de saneamento en A Veiga, Santa Marta e Chacín, melloras de abastecemento en diversas traídas de auga municipais, creamos servizos infantís como a Casa Niño, equipamentos deportivos como a pista de pádel e a mellora do chan do parque infantil do colexio. Ademais, incrementamos os servizos de dinamización cultural en todos os pobos e tamén o servizo de axuda no fogar, coa contratación de 14 auxiliares.

Está ben comunicado Riotorto?
Logramos a mellora das infraestruturas viarias como son a LU124 desde Pontenova a Riotorto e o tramo desde Cruz da Cancela a Lindín, no enlace da Autovía do Cantábrico (A-8), e foi un éxito conseguir a súa mellora; é unha vía importante que nos comunica con Pontenova e a autovía.

Cales serían agora os retos que se marca para unha seguinte etapa?
O noso obxectivo é tentar crear aloxamento de turismo rural no municipio, potenciar os nosos recursos turísticos, conseguir un fogar residencial ou residencia da terceira idade e desenvolver o polígono industrial. A falta de solo industrial é un problema, xa que non se pode pensar en crecer se as empresas non teñen sitio onde asentarse.

De que vive Riotorto principalmente hoxe en día?
Temos dúas industrias importantes, unha de mobles e outra cárnica, que empregan, entre ámbalas dúas, en torno a 30 persoas. Existen tamén dúas cooperativas hortícolas que tamen xeran importantes postos de traballo e despois pequenas empresas que contan con 3 e 4 empregados. A construción e o sector servizos tamén empregan a un número bo de persoal. Podemos dicir que en Riotorto apenas hai desempregados na actualidade.

Que traballos se demandan?
Os nosos excelentes productos locais (hortícolas, gastronómicos, artesanía e carne) teñen moito potencial e será un reto a súa posta en valor. O problema dos artesáns, coma os ferreiros, é o relevo xeneracional e desde o Concello seguiremos potenciando o sector, poñendo en valor os productos e facendo a Feira do Ferro. A hostelería e os aloxamentos turísticos tamén son sectores con futuro.


MOI PERSOAL
"Con Gerard López contactei cando quixo mercar o CD Lugo"

Iglesias recoñece que a política non o "transformou en absoluto. Sigo sendo o mesmo que antes". Ten dúas fillas de tres e cinco anos e admite que o feito de estar dispoñible as 24 horas para os veciños "cámbiache moito a vida. Moitas veces tes compromisos de traballo en fines de semana e o vivir no mesmo Riotorto fai que non se desconocte entre o laboral e o familiar". Pola contra, a vantaxe é a de coñecer a cada veciño e sentirse "orgulloso de poder satisfacer as súas demandas".

Cales son as súas afeccións?
Gústame pasear, ler, organizar eventos e ir cos meus amigos.

Entre os persoeiros ilustres de Riotorto figura o que fora xefe da escudería Lotus, Gerard López Fojaca. Ten contacto con el?
Con Gerad López contactei cando tivera intención de comprar o CD Lugo, pero para o noso municipio calquera noticia similar, coma a publicidade que nos fixo a actriz Gywneth Paltrow, é moi importante para dar a coñecer a zona e fomentar o pobo a nivel turístico.

Que lles ofrece Riotorto aos pais para asentarse na zona?
Á xente nova tratamos de darlle servizos para conciliar a vida familiar e laboral como a gardería ou Casa Niño e darlles equipamentos deportivos como a pista de pádel ou a de multideporte en proxecto, ademais das axudas o fomento da natalidade. Pretendemos dar os mesmos servizos que nunha cidade para fixar poboación. A Casa Niño, gratuíta, funciona desde as 9.00 ás 17.00 horas e na actualidade está completa con cinco cativos. Foi un éxito.

Curiosidades
A casa anunciada por Paltrow será un futuro hotel


O alcalde de Riotorto agradece a promoción que se lle deu por parte da actriz Gywneth Paltrow a unha aldea abandoada e vendida na zona. "Situou a Riotorto no mapa internacional; a raíz da nova, acudiron diversos medios de comunicación e ao final, o lugar vaise vender a un matrimonio de holandeses. Os futuros compradores xa estiveron comigo, realizamos algunhas xestións e en principio a súa idea é a de crear unha casa de turismo rural con tres apartamentos turísticos", avanza o munícipe.

Iglesias recoñece que non puido aínda poñerse en contacto con Paltrow para "agradecerlle o seu interese por esta aldea" ao escribir sobre ela nunha coñecida revista.

Mazo de Ferreiravella
Iglesias informa ademais sobre que o Concello vén de adxudicar, recentemente, a explotación do restaurante da área etnográfica adicada aos ferreiros do Mazo de Ferreiravella. Vaina asumir un matrimonio e podería abrir no vindeiro mes de abril.

Comentarios