Cine en galego en Ribadeo

A última película de Oliver Laxe proxectouse para os centros de ensinanza e o centro de día
photo_camera Oliver Laxe, durante o coloquio que mantivo cos asistentes ao pase da película en Ribadeo. AMA

"Cando era mozo vivía moito no meu mundo, gustábame moito imaxinar e o cine era unha maneira de escaparme", así explicaba este martes en Ribadeo Oliver Laxe, o motivo que o levou a ser director de cine. "Tamén me gusta moito a xente e o cine é unha maneira de achegarse á xente", engadiu, "e tamén me gustan moito as imaxes e creo que o cine é a arte das imaxes, comunica coas miradas, coas silencios, co misterio".

Laxe participou nun coloquio de preto dunha hora cos asistentes á proxección nos cines da vila da súa última película O que arde, premiada nos festivais de Cannes e San Sebastián. Ao pase asistiron alumnado e profesorado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, do CIFP Porta da Auga e dos colexios Sagrado Corazón e Gregorio Sanz, ademais de usuarios do centro de día.

Durante esta conversa, na que el tamén preguntou moito aos rapaces, o director tamén se referiu á súa vinculación con Navia de Suarna e coa casa onde discorre unha parte da cinta: "Meus pais emigraron a París, nacín alí, pero íamos todos os verán á aldea e lembro ir moito a esa casa, que era a máis alta da aldea e a única onde se captaba o sinal de televisión. Teño bos recordos dese sitio, onde agora non vive ninguén, pero estou traballando en proxectos de desenvolvemento rural, imos facer unha escola de cine e temos plans de agricultura ecolóxica".

Laxe tamén fixo referencia a Amador e Benedicta, os protagonistas da cinta, "que son fabulosos". Sobre todo afondou na figura de Benedicta, que dixo, "é incrible, unha muller de 84 anos coa enexía que ten". "É unha mestra, aprendemos moitísimo dela, dábaslle a man para camiñar no campo e ofendíase", di dunha muller que pasou do anonimato a converterse nunha estrela.

Xunto a Laxe estivo a concelleira de cultura ribadense, Pilar Otero, que hai uns días lembraba que aínda que non estaba previsto que O que arde se pasara en Ribadeo, fixeron por levala aos cines coma xa ocorrera no caso de A esmorga ou Sicixia de Ignacio Vilar, "xa que o que pretendemos é que o cinema galego geña unha presenza normal na carteleira que poden ver os ribadenses".

Este xoves, ás oito e media da tarde, no cine haberá un pase aberto para todo o público.

Comentarios