César Mogo: "Hai despoboamento, pero hai uns dereitos que temos que atender"

A súa traxectoria política parece impulsarse cos nomeamentos que acadou o martes. O senador do PSOE preside a Comisión de Defensa que o mete na Asamblea Parlamentaria da Otan. Será secretario en Asuntos Iberoamericanos e estará nas de Comunidades Autónomas e en Despoboamento
César Mogo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera César Mogo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Do xeral ao particular. De cuestións políticas da Otan ou relacións cos países iberoamericanos, algo que recoñece que lle gusta especialmente porque foi no que empezou a traballar en política, a estar en comisións tan importantes para a provincia e mesmo a comarca da Mariña como as de Despoboamento e Reto Demográfico ou a de Comunidades Autónomas. 

Vai traballar en Defensa e coa Otan, algo que parece moi espectacular. Que pode contar dese achegamento a un organismo tan particular? 
Nesta asamblea da que eu formarei parte debátese con diretivos da Otan e reúnese regularmente en distintos países, no cuartel da Otan... Nunca formei parte de algo así e hai que dicir que non é asunto con carácter executivo, senón máis ben de deliberación para establecer un marco político sobre o que actuar posteriormente. 

Ten coñecementos vencellados a cuestións de Defensa? 
Precisamente agora estou cun curso sobre iso, pero digamos que hai temas de Defensa cos que xa estiven relacionado. Pero tamén hai que dicir que non é unha comisión na que se tomen decisións no eido militar propiamente dito, senón que son aspectos de estratexia política a nivel internacional. 

Un eido no que si ten unha longa traxectoria. 
A política internacional a verdade é que si a circunvalei moi a miúdo. Non son un experto, pero como eu serei o presidente, non necesito tampouco un nivel de coñecemento ao detalle como o que seguramente si que necesitarán os voceiros dos grupos. O meu labor como presidente é máis ben impulsar e conducir os debates que se xeneren. É importante pensar que é unha cuestión que se ten que ver desde o punto de vista da seguridade internacional e, á súa vez, desde unha óptica política. 

Estamos nunha encrucillada en moitas cousas, e este organismo é dos que está nunha importante

É curioso porque se vai achegar á Otan nun momento no que este organismo e o seu futuro están mesmo cuestionados. 
Si, o seu propio papel está por dilucidar porque Europa non se define ao respecto ao cento por cento, Estados Unidos esíxelle a Europa un incremento do gasto en armamento... É un tema interesante desde o que é o impulso de políticas de Defensa. Agora mesmo vivimos nunha encrucillada en moitas cousas e esta é unha delas. De todas formas, insisto en que o meu papel será máis ordear o debate, facilitalo, que outra cousa que requira unha maior especialización. 

Tamén será secretario da Comisión de Asuntos Iberoamericanos. Esto faralle unha ilusión especial. 
Si, claro. Eu xa fun presidente desta comisión. Aí empecei a traballar en política ó facerme cargo da área de relacións con América Latina, por vía da emigración. Eu estou moi vencellado política e emocionalmente a esta cuestión. Defensa pode ser algo que vén máis da miña traxectoria, pero esto realmente é unha cuestión máis emocional e mesmo de traxectoria persoal. 

É algo no que xa acumula entón abonda experiencia. 
Os que me coñecen saben que é un mundo especial para min. A direción do grupo mantívome aquí e quero agradecerllo porque levo moitos anos seguindo de preto o que pasa en Latinoamérica. Estiven nos anos 80 de observador en procesos electorais como as primeiras elecións en Chile. Meu pai naceu en Cuba. Foi fillo de emigrantes. Toda a miña familia e a miña historia está impregnada de Cuba. Pero non é nada particular, penso que toda a nosa comarca da Mariña está moi tocada pola emigración, a Cuba ou a outros países. A miña primeira viaxe en política foi, xustamente, a Cuba. 

Meu pai naceu en Cuba e eu xa estiven de observador nos anos oitenta nas elecións que se celebraron en Chile

Pero despois está en comisións que tocan moi, moi de preto a Galicia e á comarca, como a de despoboamento e reto demográfico.
Sen darlle ningunha retórica, que non quero facelo, teño que admitir que son moi sensible á situación da nosa provincia no que toca ao despoboamento, algo que puiden comprobar de primeira man percorréndoaa de arriba a abaixo. Estamos nunha situación complicadísima que non é nada sinxelo reverter, pero está claro que hai que intentalo. Pero á marxe deso e de que se consiga o que se consiga, teño moi claro que hai unha serie de dereitos asistenciais, de servizos sanitarios e doutro tipo que os poderes públicos teñen que asumir e que baixo ningún concepto se poden deixar de atender. Nese punto eu voume apoiar moito nos alcaldes e alcaldesas porque estando con eles ves que esto é dunha magnitude enorme, e apetecíame especialmente estar nunha comisión na que podo levar as ideas que me pasen os alcaldes e que, ademais, como é lexislativa, ten certa capacidade de actuación. Para min era un desexo persoal importante despois de estar sempre traballando no Goberno ou no partido. Creo que poderei adicar tempo a algo tan importante sen as urxencias da xestión do día a día. 

Así que se pode dicir que lle atinaron de cheo. 
Só podo dicir que estou moi satisfeito. É certo que estaría contento estando en Facenda, ou en algo tan importante como Infraestruturas. Pero, sinceramente, todas estas comisión son, tanto persoal como profesionalmente, máis especiais para min.

Comentarios