O Concello de Cervo coloca detectores de fume nas vivendas de persoas maiores

O obxectivo do Concello é mellorar a seguridade entre a poboación con maior risco de sufrir unha situación de emerxencia 

Colocación dun dos dispositivos. AMA
photo_camera Colocación dun dos dispositivos. AMA

O Concello de Cervo iniciou este mércores a colocación de detectores de fume nos domicilios daqueles veciños que se considera que están entre a poboación de máis risco de sufrir unha situación de emerxencia, "como son aqueles que viven sós e que requiren do servizo de axuda no fogar ou do de teleasistencia", matizou o alcalde, Alfonso Villares. A iniciativa é froito dun convenio suscrito pola administración local coa Asociación de Técnicos de Bombeiros (APTB), que doou os dispositivos que está a colocar o persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

"É unha iniciativa que dá continuidade á Semana de Prevención de Incendios que desenvolvemos a pasada semana no pavillón da Veiga na que participaron uns 800 rapaces de toda a Mariña", asegurou o rexedor, "e agora pretendemos facer extensible a eses veciños considerados neste caso poboación de risco, porque cremos que é fundamental incidir na prevención para gañar en seguridade".

Neste senso, o concelleiro cervense de seguridade cidadá, José Ramón Soto, indicou que "o maior risco de incendio prodúcese cando a persoa está durmindo e a alerta que xera este detector pode contribuír de xeito decisivo a salvar vidas".

O rexedor e o concelleiro de seguridade cidadá, ademais da edila responsable da área de servizos sociais, Pilar Armada, estiveron onte supervisando a colocación dos primeiros dispositivos.

Comentarios