Cervo celebra o centenario das Escolas Vellas o sábado

Paco Piñeiro presentará unha crónica da parroquia e exporanse fotos

Paco Piñeiro e Alfonso Villares, na presentación. AMA
photo_camera Paco Piñeiro e Alfonso Villares, na presentación. AMA

O centenario das Escolas Vellas será o motor do acto que organizan o sábado conxuntamente o profesor e investigador Paco Piñeiro e o Concello de Cervo. A xornada inclúe unha inauguración de fotos antigas e a presentación ao público da crónica histórico-literaria da parroquia de Santa María de Cervo. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o mesmo Paco Piñeiro, foron os encargados de presentar o evento.

As mesmas escolas serán o punto de encontro, ás catro da tarde, antes de que se inaugure no ecomuseo a exposición fotográfica Cervo na Memoria, composta por cen imaxes retrospectivas da vida social da parroquia.

O punto forte terá lugar no salón de actos do Concello, onde se presentará o libro Centenario das Escolas de Cervo, de Paco Piñeiro, que estará acompañado, entre outros, por Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo; Agueda Barcia, unha profesora burelesa relacionada coa historia escolar; Paco Rivas, poeta natural de Cervo, e Alfonso Villares.

O rexedor ve o traballo de Piñeiro coma "un manual imprescindible en cada fogar cervense por ser unha extraordinaria recompilación que abrangue o pasado, pero que tamén recolle referencias do presente".

O evento estará moderado polo historiador e comunicador, tamén cervense, Ramón González Rey, e contará coa dirección musical de Albano González e coa voz de José Luis Rodríguez, que farán interpretacións poéticas, rematando cun aperitivo de confraternidade para tódolos asistentes.

Comentarios