O Centro Comercial Histórico secunda a folga xeral convocada para este mércores

Haberá peche dos comercios de 9:00 a 16:00 horas "en apoio á situación que está a atravesar a comarca da Mariña"
Rúa comercial no centro de Viveiro. JM ÁLVEZ
photo_camera Rúa comercial no centro de Viveiro. JM ÁLVEZ

O Centro Comercial Histórico de Viveiro anunciou que apoia e recunda as reivindicacións da folga xeral convocada para este mércores 17. Faino "en apoio á situación que está a atravesar a comarca, derivada do eterno olvido de tódalas administracións durante todos estes anos", comunican. E piden "un plan de reindustrialización, que faga non só non marchar as empresas asentadas na zona, senón que consigan facer da Mariña unha comarca atractiva para o asentamento de nova industria ou calquera tipo de empresa".

Neste sentido, e ante a dura situación na que se atopan o comercio e a hostalería derivada da pandemia e as restricións que trouxo consigo, pechan para defender "a nosa comarca, o noso comercio e a creación de emprego estable" e "reivindicar o que é xusto para a Mariña".

Con este fin, dende o CCHV promoveuse e acordouse un peche de 9:00 a 16:00 horas. Acordo que tamén se tomou noutras vilas da Mariña para o comercio e a hostalería.

No seu comunicado animan á xente a ir á manifestación e non quedar na casa comprando en grandes plataformas. "Defendamos tamén unha gran empresa que temos na Mariña e que se chama Comercio e hostalería Local. Esa empresa da que todos se olvidan e que tantos postos de traballo xera na nosa comarca e da que dependen tantas familias", remarcan.

Comentarios