Primitivo Marcos: "Case sempre estou debuxando e non estraño dar clase"

Acaba de xubilarse aos 60 anos como profesor de Inglés no IES María Sarmiento, centro no que traballou a metade da súa vida. Agora pode dedicarlle máis tempo á súa paixón, a ilustración, e anda ocupado na adaptación á banda deseñada dunha novela de Xavier Queipo
Primitivo Marcos, debuxante e profesor recén xubilado de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Primitivo Marcos, debuxante e profesor recén xubilado de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

AO LONGO da súa vida Primitivo Marcos (Lugo, 1962) compaxinou as ensinanzas co debuxo, ao que agora se dedica por completo.

Cantos anos levaba no instituto?
Desde o ano 92, trinta anos. En ensinanzas levaba 34, pois antes estiven en Sarria, Viana do Bolo e tamén traballando noutras administracións e empresas, para o Vicerreitorado dando clase de adultos en Lugo e tamén nalgunha academia de idiomas; levo bastante tempo dedicado a isto de ensinar inglés.

Que o trouxo ata Viveiro?
Veraneaba en Viveiro e pareceume un lugar bastante agradable para vivir, así que pedín o traslado e establecémonos aquí.

Chama a atención que, sendo debuxante, fora profesor de inglés e non de artes plásticas
Nunca me interesou facer Belas Artes a nivel de estudos, a min gustábame debuxar pero non me apetecía facer esa licenciatura e por iso non a fixen, seguín coa afección á banda deseñada sobre todo como lector aínda que xa debuxaba cousas na casa de cativo, e a medida que pasou o tempo tratei de tomalo un pouco máis en serio e foron saíndo cousas, fun publicando e tamén estiven traballando un tempo para El Progreso a finais dos oitenta ou principios dos noventa como debuxante en crónicas de sucesos: chamábanme á casa, explicaban o que pasara e eu facía un debuxo no menor tempo posible e levábao á redacción de Lugo. Eran viñetas ilustrando cousas de crimes, accidentes ou roubos.

Traballei un tempo para El Progreso facendo viñetas para ilustrar sucesos

Anda metido nalgún proxecto agora mesmo?
Estou traballando de mañá e de tarde nunha banda deseñada, unha adaptación dunha novela literaria para a editorial Galaxia que sairá para decembro ou xaneiro. É O paso do noroeste de Xavier Queipo, que me pediu que lle fixese a adaptación e el fai os textos e eu o debuxo. Trátase dunha novela ambientada a finais do século XVIII, cunha ambientación parecida ao libro que publiquei en Viveiro sobre o desastre da fragata Magdalena e do bergantín Palomo, unha cousa parecida pero con máis aventuras. É unha novela bastante ambiciosa para o que eu estou afeito a facer, pero estou traballando bastante a gusto e pasándoo ben a pesar das dificultades que conleva este tipo de historias, porque ten moito barco, uniformes, armas, animais...

Así que remate, ten algún plan para a xubilación?
Estou pensando en viaxar un pouco máis e en ir a algún festival de jazz para o que non tiña tempo antes, pois non terei que esperar ás pontes ou ás vacacións para poder viaxar en canto remate esta entrega da novela gráfica. Pero espero seguir dedicado a debuxar e facendo outras novelas gráficas, historietas, ilustracións, carteis... como me gusta debuxar estou disposto a traballar todo o que poida no campo de ilustración, sobre todo en banda deseñada.

Sempre está debuxando algo?
Case sempre estou con algún encargo, ás veces incluso de particulares, de amizades, sempre teño algunha cousa entre mans e sempre estou debuxando. Agora teño todo o tempo para debuxar, pois antes non sempre mo permitía o desenvolvemento da actividade de profesor.

Non bota de menos o instituto?
Non moito. Boto de menos o trato cos compañeiros, que os vexo fóra do instituto porque son moitos anos con eles e temos amizade. E ás veces tamén boto de menos estar cos rapaces, xa que este último ano tocáronme dous grupos moi agradables, pero en principio non teño ningún síndrome por non estar no centro.

Xubilouse novo.
Tiña claro que en canto puidese o faría, quería xubilarme o máis novo posible para poder liberarme desa rutina das clases que é absorbente en moitas ocasións e para poder dedicarme ao debuxo.

Comentarios