O carril bici ata a Illa Pancha terá un presuposto de 320.000 euros

Na oficina de turismo inaugurouse unha exposición de pirogravados de Antonio Martínez que estará aberta ata o día 14
O artista Antonio Martínez e o alcalde, Fernando Suárez, na inauguración da exposición de pirogravados. FN
photo_camera O artista Antonio Martínez e o alcalde, Fernando Suárez, na inauguración da exposición de pirogravados. FN

O Concello de Ribadeo asinou o convenio coa Deputación para cubrir parte do financiamento do carril-bici que conectará o centro urbano coa praia de Rocas e coa Illa Pancha. O proxecto ascende a 320.000 euros dos que a área de medio rural e mar da institución provincial achega 250.000 euros e o resto son fondos propios do Concello. O alcalde, Fernando Suárez, di que axiña se licitará "este ambicioso proxecto".

"O 78% do investimento pono a Deputación —a deputada Mónica Freire subliñou o convenio—, e o resto, uns 70.000 euros, son aportados polo Concello de Ribadeo", subliñou o rexedor.

Suárez Barcia explicou que "o proxecto consiste na adaptación como vía ciclista dun treito de catro quilómetros entre a praia dos Bloques e a zona do faro, bordeando a costa e discorrendo por lugares emblemáticos como o cargadeiro ou o Forte de San Damián. Para iso, vaise habilitar un carril-bici bidireccional de dous metros e medio de ancho a partir do Forte de San Damián, mentres que no resto do traxecto se optará por harmonizar o paso de vehículos e bicicletas nunha vía de sección única de prioridade ciclista. O traxecto tamén será transitable a pé por beirarrúas e por pasos peonís. Para completar esta ruta circular incluirase o aglomerado asfáltico do treito comprendido entre a praia de Rocas e o encontro coa estrada provincial en Vilaselán".

EXPOSICIÓN. A oficina de turismo de Ribadeo acolle ata o 14 de setembro unha exposición de pirogravados de Antonio Martínez. O artista leva traballado esta técnica dende a súa infancia e perfeccionouna ao longo da súa carreira ata chegar á actualidade. Nos dous últimos anos aumentou a súa obra. A mostra inclúe paisaxes e tamén edificios emblemáticos da vila ribadense e doutros lugares do mundo.

Comentarios