"A banda acada éxitos porque os músicos fan un sacrificio e teñen un compromiso cultural enorme"

A municipal O Landro de Viveiro é finalista na categoría de bandas populares nos Premios Martín Códax da Música que se entregan este mércores en Pontevedra. Con independencia de se leva o galardón, a nomeación supón para o seu director, Carlos Timiraos, un recoñecemento a todo o esforzo do medio cento de integrantes e as súas familias

Carlos Timiraos, director da banda de música O Landro de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Carlos Timiraos, director da banda de música O Landro de Viveiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A directiva da Banda Municipal de Música O Landro de Viveiro desprazarase este mércores ao Pazo da Cultura de Pontevedra para a final dos Martín Códax. O director, Carlos Timiraos, recoñece que "estar nomeados é un premio" aínda que lles faría "ilusión" ganalo.

Como se recibe unha nomeación a un premio coma este?
Evidentemente sempre se colle con boa enerxía o feito de que che recoñezan un traballo, e máis nun caso coma este que é colectivo, dun grupo de persoas que engloban desde os 9 anos ata os 60 e pico, é fantástico.

Que supón para a banda?
Supón un recoñecemento a todo o esforzo, traballo e sacrificio que este grupo fai durante todo un ano, o labor cultural que desenvolve anualmente nun pobo, que é moito o que se leva a cabo.

A quen llo dedicaría?
Dedicaríallo aos músicos, ás persoas que fan posible isto, á xente que lle quere á banda e que é moita no pobo de Viveiro, e á xente que fixo moitísimo pola banda e que non está porque se tivo que marchar ou faleceu. É un premio a moitísima xente, pasaron moitas familias pola banda.

Que hai detrás do éxito?
O director non é a persoa de máis peso nin moito menos, eu simplemente poño unha pequena guía, pero non podería facelo sen Rodrigo Rodríguez que é o meu compañeiro nesta aventura en Viveiro, unha persoa imprescindible neste proxecto. E os músicos, que son a materia prima desta banda que ao final acada tantos éxitos porque o nivel é moi bo e porque hai un compromiso e un sacrificio cultural enorme, e detrás están as familias, que son elas as que axudan a poñer en valor o esforzo e o sacrificio pola cultura, por que os rapaces estuden música e formen parte dun colectivo humano que desenvolve unha actividade cultural intensa. A familia é un ingrediente fundamental na receita. 

Imos amosar a banda aos máis pequenos nos colexios e preparamos unha gran sorpresa para as festas"

Como de intenso foi este ano para a agrupación?
Desde que comecei en 2015 non creo que houbera un ano así. En xaneiro preparamos a programación enteira para todo o ano e empezámolo coa gravación dun disco que deixa pegada para a historia, un libro-CD que aglutina a historia da Semana Santa en Viveiro que cremos que é un dos piares do pobo e da agrupación. Tamén preparamos as actividades da Semana Santa, o concerto de Adral, e case todos os meses hai algo. Está sendo un ano intenso e aínda queda moitísimo. 

Que proxectos teñen por diante?
Este mes imos ir polos colexios amosando a banda aos máis pequenos, será a versión 2.0 do programa que no 2016 titulamos ‘A banda vai ao cole’. En xullo temos concertos pola contorna e en agosto estamos preparando unha gran sorpresa para as festas, un concerto moi especial como fixemos o ano pasado con Serafín Zubiri, estámolo preparando pero aínda non se pode adiantar máis que será algo especial, que pon en valor as bandas de música. É importante que a xente comprenda que unha banda popular é un instrumento poliédrico, que ten mil caras, que tanto pode tocar nunha verbena como nunha procesión, nun concerto de sala ou nun teatro música sinfónica, por iso é unha banda popular.

Comentarios