Carlos Núñez: "É un privilexio tocar na catedral de Mondoñedo, a Viena de Galicia"

O mundialmente coñecido gaiteiro vigués continúa este verán coa súa xira Lugares Máxicos por distintos recunchos de toda Galicia. A catedral de Mondoñedo será unha das paradas este venres
Carlos Núñez. AMA
photo_camera Carlos Núñez. AMA

A CATEDRAL de Mondoñedo recibe a Carlos Núñez este venres coa súa xira Lugares Máxcos. A actuación promete ser moi especial, co toque fascinante que caracteriza a este artista.

Como xorde a idea de comezar estes concertos con maxia? 
Este ano será a terceira xira de Lugares Máxicos que farei en Galicia. É todo un soño poder levar a nosa música a lugares tan bonitos, tan especiais e non só a espazos dominados polo asfalto e o cemento, que son lugares onde acostuman a levala. Eu conseguín este cambio de escenarios inaugurando un novo sistema co apoio do público, que xenuinamente coas súas entradas, apoia a nosa música, sen depender dos gustos persoais dun alcalde ou dun político, que é o que adoita acontecer. A música é controlada dende o diñeiro público e neste caso non. Entón estupendo porque estamos tendo moitísimo público e en todos os concertos sempre conseguimos vender todo. Ven moita xente dende Madrid, dende Barcelona, e dende outros países.

"Atopouse unha lira con seis cordas en Galicia coa que imos tocar na actuación que faremos en Mondoñedo"

Cal é o obxectivo que persegue con estes concertos?
Primeiro que a xente poida ter acceso á nosa música presentada dentro dun marco de excelencia, cun son marabilloso e co público podendo desfrutar sentado e comodamente e conectar co noso patrimonio. É completamente diferente a un concerto normal. É importante poder conectar a música co mundo que nos rodea. É completamente diferente poder tocar na catedral de Mondoñedo, que é a Viena de Galicia. Na súa catedral durante moitos séculos, os xefes de capela escribían sempre a noite anterior a Noiteboa unha panxoliña nova, na que todos cantaban e todo o mundo escoitaba a orquestra clásica; era o único día do ano que entraba a gaita e os instrumentos tradicionais na igrexa. Mondoñedo, ademais, atesora a meirande parte dos tesouros de Galicia. O que pasa é que igual unha persoa que vén de Madrid, e ao mellor si que visita a praia das Catedrais, non podería imaxinar que hai esa riqueza.

Como selecciona os lugares nos que actúa?
Cada vez teño que seleccionar máis. Houbo xente que nos pediu tocar en Málaga, por exemplo, ou en todo o norte peninsular. Interésalles moito vincular os nosos lugares coa música celta. En Galicia iso non pasa. Por exemplo, ao publicitar o Camiño de Santiago con festivais de rock. A música celta, este tipo de música é perfecta como plataforma de exposición destes lugares e desta tradición. Esta semana pasada fixen un par de concertos moi especiais en Madrid e Barcelona. Concertos enormes con The Chieftains polos 30 anos xuntos, dende a primeira colaboración. O que noto é que a xuventude madrileña está cambiando. Buscan natureza, experiencias auténticas, a ese nivel Galicia podería liderar toda unha nova visión e toda unha nova estética conectando coas tradicións.

O repertorio varía dun concerto a outro?
Cada concerto será completamente diferente, porque non ten nada que ver tocar nun parque arqueolóxico, con facelo nun castelo, nun castro renacentista ao aire libre ou na catedral de Mondoñedo, Os músicos tamén van ir rotando e teremos todos os días artistas diferentes. Haberá música máis contemporánea ou música histórica. Tamén se atopou unha lira nun petroglifo en Galicia con seis cordas e imos facer música con ela no concerto de Mondoñedo.

"Cada concerto será moi diferente. Os músicos tamén van ir rotando e teremos artistas distintos todos os días"

Que expectativas ten co concerto de Mondoñedo?
O ano pasado toquei por primeira vez dentro da catedral. Estaba ata arriba de xente. Eu animo a todos para que veñan a Mondoñedo. Alí hai órgano, e imos a usalo.

Espera seguir con esta xira por Galicia o vindeiro verán?
A verdade é que estamos tendo moitos lugares aos que queren que vaiamos e vou seguir facendo todo o posible por continuar tocando en Galicia, na miña terra, claro. É certo que cada vez é máis complexo, pero esperemos que poidamos facer tradición e voltar a Galicia polo verán. Unha cousa moi bonita para min é facer tradición, porque a xente espera que haxa ese concerto anual. Por exemplo, pechamos o ano sempre en Barcelona no Palau da Música e abrimos todos os anos en Madrid. Pois en verán, tamén empeza a ser unha tradición que teñen que vir a Galicia para desfrutar destes concertos especiais.

En todos os anos que leva de traxectoria musical, como viu e ve a evolución da música? Houbo dous cambios importantes. O primeiro cambio foi o do fenómeno de internet, os máis novos ían poder escoitar música de todo o mundo. Xa non habería control. Isto non foi así. Os novos escoitan música formateada en Miami ou en Nova Iorque. O sistema caeu porque Madrid deixou de ser o centro de Latinoamérica, agora a capital é Miami. Por outra banda, eu cando comecei a tocar dende moi pequeniño, había unha enerxía moi grande que era a enerxía da liberdade e da democracia. Había moita ilusión por todo o que fose Galicia. En cambio todo iso tamén mudou e agora a xente desconectou máis do noso. O problema é que non esiximos excelencia ás cousas de Galicia, hai que voltar a pedirlle calidade ao noso e valoralo.

Comentarios