Carlos Álvarez, escritor: "Ribadeo carece de explanada para palcos e milleiros de asistentes"

Autor de tres libros e 200 artigos, o colaborador de La Comarca del Eo non é profano na materia de falar en público, posto que xa leu o pregón da Xira en 1996 e o das festas de Ribadeo en 2004. Este ano celébrase o centenario do nacemento do seu pai, que fundara a Coral.

Carlos Álvarez Lebredo. I. G
photo_camera Carlos Álvarez Lebredo. I. G

EN MAIO, descubriuse en Ribadeo, polo centenario do seu nacemento, unha placa na honra de Carlos Álvarez Fernández-Cid, o fundador da Coral e principal promotor das formacións musicais da vila. Aquel día, a comisión das festas patronais da localidade —as que se celebran o 16 de agosto e o 9 de setembro—, propúxolle ao seu fillo Carlos Álvarez Lebredo, a tarefa de ler o pregón desta cita. Xa ofrecera o do festexo de 2004 e antes, o da Xira a Santa Cruz, en 1996. Por iso respostou, con certa retranca, que "é unha honra, pero conviría buscar persoas para renovar o escenario".

Que nos pode avanzar do pregón que vai ler o día 1 de setembro, ás oito e media do serán, no Teatro?
Non será nostálxico. Vou recurrir aos meus amigos de sempre, os literatos. Inspírome en escritores como Celso Emilio Ferreiro, coma fixera xa no pregón de Santa Cruz, cun poema que remata: "Ser de Ribadeo e ter / (de seu) unha corredoira...". Para o pregón da festa de Ribadeo rescatei un fragmento de Dámaso Alonso, outro de Paloma Díaz Andina, dous máis de Luz Pozo e un de Baixeras.

Fuxe entón das lembranzas...
Escapo diso. Trato de que sexa máis ben unha creación persoal, coa axuda da literatura e un pouco de humor.

Que significan para vostede as patronais de Ribadeo?
Eran a clausura do verán, xusto no comezo do curso. O último capítulo das vacacións, co bo tempo. Lembro gratamente o día infantil. Mantense por exemplo nese senso a saída dos cocos. E recordo bos grupos coma a orquestra Platería, cando estaba de moda a salsa. Ademais doutras formacións, coma Amaral, que veu cando aínda eran uns descoñecidos. Viñeran no lugar de Amparanoia e os 50 asistentes que debíamos de ser quedamos abraiados con eles.

Quedei abraiado con Amaral cando veu, no lugar de Amparanoia, a actuar á vila, sendo un grupo case descoñecido

Para os ribadenses, que teñen de especial estas datas?
Unha cousa que nos gusta aos ribadenses é que eses días, 7 e 8 de setembro, vemos xente á que non atopamos o resto do ano, porque marcharon traballar fóra ou por outros motivos. Hai quen no seu calendario aparta estes días para vir. Ese costume permanece.

Onde se deben celebrar as festas?
Non hai un espazo ideal en Ribadeo. Carecemos dunha praza exenta, unha explanada aberta, para montar espectáculos con 5,000 persoas. O centro convértese nun barullo, nun sitio incómodo porque xa de por si habería vida igualmente aí. Fixéronxe dúas travesías, é dicir, a vila medrou en dúas direcións, sen que haxa ensanche; non se concebiu unha gran praza.

Unha semana ou máis de festa é suficiente?
Igual pola semana, que non hai tanto público, non se deberan programar actuacións que atraian público. Por exemplo, as orquestras de música bailable, como Los Satélites, sería estupendo poder desfrutalas cara a fin de semana. A xente nova móvese agora con estes grupos e hai que mantelos.

Aparte das festas, en que cre que Ribadeo veu a menos?
Son optimista así que véxoo crecendo. Pero conxunturalmente véuse a menos a cultura da música clásica. Non hai unha figura que nuclee con talento ese eido como as ten habido e hai institucións condeadas a que cando os rapaces novos aprenden, deban marchar por estudos ou traballos. Pasa dende a música aos deportes.

En que nota que Ribadeo medra?
Vai a máis en turismo e en comercio, aínda que seguimos sen sector secundario, sen industria.

Comentarios