Andrés Díaz Ferro: "O capitán do barco é o único responsable de persoas e cartos"

O mariño viveirés compatibiliza o seu traballo de práctico dos portos da Mariña occidental coa vicepresidecia do seminario Terra de Viveiro, co que programa viaxes e camiñadas, pero tamén sae andar coa súa muller. Ademais forma parte da asociación Salvar a Praia de Covas. Asemade é compensador de agullas nos barcos e fixo unha carta toponímica da ría de Viveiro coa que recuperou 300 nomes, algúns sacados dunha de 1787. Na casa axúdalle a súa dona a coidar do xardín. Gústalle a pesca deportiva, que practica pouco. É falangueiro, goza coas reunións familiares e saíndo de viños.

O práctico viveirés Andrés Díaz Ferro. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera O práctico viveirés Andrés Díaz Ferro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O MAR marca a traxectoria vital do práctico viveirés Andrés Díaz Ferro, quen logo de facer a reválida do bacharelato obtivo unha beca da confraría de pescadores viveiresa e con 19 anos foi para Coruña estudar náutica, da que saiu no 1976 como alumno de puente para facer prácticas. Despois de 360 días de mar como cuarto oficial gañou para o curso de piloto.

Chegaban moitos mercantes a Viveiro naquel tempo?

Cando era rapaz viñan moitos buscar pino en tablón e roio para as minas de Asturias, e salazón para o sur. Aínda que eu embarquei en cargueiros que saían do Mediterráneo ata que casei en maio de 1979, cando xa fixera os cursos e días para ser piloto. Despois diso sempre pedía quedar algo máis na casa, porque estaba recén casado. No 79-80 desembarquei con licenza da empresa para facer o curso de capitán. En 1982 xa fixen o primeiro relevo como tal.

Pasou moito tempo estudando e embarcando, non?

Agora é máis fácil, tes cinco anos para licenciarte, nos que só navegas un mes, e logo fas as prácticas, que non son nen a metade das que facíamos nós. Por iso saen peor formados. Antes ao ter que embarcar cada pouco xa sabías se te mareabas ou che gustaba. Agora ao ter que estudar primeiro se logo non che gusta, tes que empezar de novo noutra cousa.

Que foi o peor que lle pasou?

O máis duro foi superar o cancro linfático que me atoparon en xuño do 2000, pero despois de Reis do 2001 volvín ao mar sen saber se ía curar e tiven o valor de poñerme a estudar. Estando en Puerto Rosario (Fuerteventura) saquei a praza de práctico, pero non me presentei e fun navegar de capitán. No 2005 aprobei aquí e quedei de práctico en Viveiro, Cariño e Burela.

E que foi o máis satisfactorio?

A nivel persoal foi cando naceron os fillos e no profesional cando me fixeron capitán, que é a ilusión de todo mariño. Son fillo e neto de mariñeiro, a muller traballou de redeira e tamén é filla do patrón de pesca Antón da Amora.

É moita responsabilidade mandar un barco?

Total, de ti dependen persoas e cartos, eres o único responsable.

Prefire ser capitán ou práctico?

Mandar un barco, pero cada cousa ao seu tempo. O de práctico naceu cando me invitaron nas Palmas e vin que A Mariña Mercante española está en decadencia en barcos, tripulacións e salarios. Ademais foi a maneira de achegarme á casa. E tamén gañas máis que de capitán e conleva máis prestixio.

Quédalle algo por facer?

Tiven tres fillos dos que estou moi orgulloso, porque os tres estudaron e traballan no seu; escribín un libro sobre tabernas das parroquias de Viveiro con Vicente Míguez, e prantei unha árbore.

Pasou apuros como práctico?

Ao ano de chegar metemos en Celeiro un barco con tablóns do Báltico e unha escora superior a 20 graos. Rompéranlle os amarres e tivemos que pedir axuda aos remolcadores de Alcoa que estiveron aguantando del na baixamar, pois quedou enterrado na area dez centímetros. Foi unha maniobra solicitada á Capitanía de Burela e non cheguei a subir ao barco, porque derivou en lugar de reflotar. Veu o Hermanos Vidal da Xunta axudar e co repunte da pleamar con máis de media máquina avante e todos tirando saiu e fíxoo con tal forza que petou no muelle de Celeiro.

Tivo máis casos parecidos?

Hai tres anos houbo outro crítico en Cariño, entrou con escora e tiven que saltar e agarrar a man dun oficial para subir a bordo, manobra que fixen porque había perigo para a xente.

Hai moitas incidencias?

Os accidentes estándar de practicaxe. Nunha ocasión demos co bulbo contra o peirao de Cariño ao fallar a máquina de atrás. Sustos pasas moitos.

Inflúen moitos factores?

Aínda que planifiques como virar o barco, inflúen o vento de terra ou de mar, se o barco é dereito ou zurdo, se ten algunha avaría ou non funcionan ben as hélices. E tamén o mal tempo, as correntes. En Viveiro, a saída do río enfoca o barco hacia un lado ou outro.

Repetiría?

Posiblemente. Estás alonxado da familia, aínda que non faltei a nada importante. O oficio gústame, pero nunca escollín os barcos onde gañaba máis, senón onde máis vacacións tiña.

E que foi o positivo?

Permitiume viaxar ás pirámides de Exipto coa muller, a Venecia, Turquía ou a Rijeka (Croacia).

Arrepíntese de algo?

No 1981 ofrecérannos facer un curso de helicópteros para a Armada española, eran dous anos e logo podíase deixar ou seguir. Non me arrepinto de non seguir, pero hoxe houbera feito o curso.

Comentarios